A biblioteca de Ciencias Sociais habilita aulas para evitar o colapso das fins de semana
Por Manu Otero & Cristina Saiz
As oposicións a diversos postos da administración estatal e autonómica están aínda sen data, pero os aspirantes xa están inmersos de cheo na preparación dos exames. En Pontevedra, a biblioteca da facultade de Ciencias Sociais é o lugar favorito de moitos estudantes e os efectos xa empezan a notarse. As mesas e pupitres da sala énchense a diario, a media mañá é moi difícil atopar unha cadeira baleira e a masiva afluencia das fins de semana obriga a abrir aulas para dar cabida a todos os estudantes.
"Entre semana hai días que se enche a biblioteca pero non sempre podemos abrir aulas porque están ocupadas con clases, pero os sábados si que adoitamos abrilas", explica unha das traballadoras da sala de estudo do campus pontevedrés.
Aínda que o centro está pensado para a comunidade universitaria, a maior parte dos usuarios xa superaron esta etapa. Aspirantes a mestre, policía, garda civil, fisioterapeuta ou sanitarios copan as prazas da biblioteca. "Tamén veñen moitos universitarios, sobre todo pontevedreses que estudan nesta ou outras universidades", puntualizan as traballadoras, quen recoñece que nestas datas a maioría son opositores.
"Na biblioteca hai un ambiente de estudo que contaxia, e moitas menos distraccións que na casa", apunta Pablo Seoane, opositor a Garda Civil, unha das razóns polas que elixe este espazo para preparar o seu futuro. "Adoitamos ir varias compañeiras e unha sempre tira da outra, ao ir con máis xente que estuda o mesmo que ti, se tes algunha dúbida, sempre te podes apoiar", engade Paula Martínez, aspirante a mestra.
Mais non todo é positivo. "En Nadal e selectivo isto é un abafo, non hai sitio media hora despois de abrir", asegura Seoane. "Os peores momentos prodúcense cando hai nenos de bacharelato, que son xente moi nova e que está moi nerviosa, non deixas de escoitalos falar, mover follas ou levantarse", recoñece Martínez.
A acumulación de persoas e a calefacción caldean o ambiente e son tamén motivo de crispación entre os usuarios. "Hai momentos nos que non se respira e é necesario abrir a fiestra, pero sempre hai alguén que ten frío e vai rapidamente a pechala", critica Jaime Vejo, aspirante a profesor de educación Primaria.
Aínda así, todo apunta a que nin a calor nin as aglomeracións non van poder apagar o tirón da biblioteca de Ciencias Sociais. As oposicións están ao virar a esquina e a afluencia non deixa de crecer. "Que haxa moita xente molesta, pero tampouco podes ter a biblioteca para ti soa", conlúe a profesora, Paula Martínez.
Relacionadas:
-
A biblioteca das tentacións
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Os "bos días" a ritmo de panxoliña
Por Oskar Viéitez |
-
A Facultade de Ciencias Sociais e da Comunicación cumple 25 anos
Por Redacción |
-
Sabías que os certificados da Escola Oficial de Idiomas contan nas oposicións?
Por Redacción & Paula Sanmartín |