O centro de día de Cuntis completa as súas vinte prazas
Por Redacción
Mes e medio despois da súa apertura, o centro de día de Cuntis ten adxudicadas xa as súas vinte prazas. Explican desde o Concello que a instalación está colapsada pola lista de espera dos usuarios que queren facer uso deste servizo e que non poden facelo ao estar cubertas todas as vacantes.
Ante a masiva demanda que existe para facer uso deste centro, o goberno cuntiense solicita ao Consorcio Galego de Servizos Sociais que amplíe a oferta de prazas deste centro de día, debido a que no Concello están convencidos de que poden atender ata un máximo de corenta persoas.
A construción deste edificio iniciouse no 2008, pero tiveron que pasar dez anos para a súa posta en funcionamento. "A inauguración foi a culminación do traballo do equipo de goberno", declarou o alcalde Manuel Campos que, desde a súa chegada á alcaldía no 2015 centrou os seus esforzos na apertura deste servizo.
Acutalmente, a maior parte dos usuarios proceden do municipio cuntiense e do veciño concello da Estrada.