Cans mestres nas Doroteas
Por Manu Otero & Cristina Saiz
Uma, Trufa, Eco e Goofy foron os catro mestres perrunos que impartiron unha clase maxistral no colexio Doroteas a alumnas e alumnos do primeiro ciclo de Educación Primaria. Estes profes de catro patas non ensinaron a táboa de multiplicar, nin a diferenciar entre substantivos e verbos, nin os nomes dos ríos de España. Os cans deron aos escolares unha lección moito máis importante. Ensináronos a ser tolerantes, a respectar, a ser solidarios e a traballar en equipo.
As encargadas de organizar esta sesión, promovida pola concellería de Benestar Animal que encabeza Paloma Castro, foron as monitoras de Yaracán Galicia, unha organización que se dedica a intervencións asistidas con cans de terapia en ámbitos asistenciais e educativos. "Impartimos os nosos obradoiros Catro patas de apoio de educación en valores", explica a directora da entidade, Julia Correa.
Nesta sesión participaron dous grupos de preto de corenta nenos cada un, divididos en catro seccións para traballar, cada unha, con Uma, Trufa, Eco e Goofy. Despois dunha pequena introdución teórica, comezou a interacción directa cos animais. Xogos, risas, caricias e algún que outro susto, que pronto se converteu en gargallada, ao ver como estes cans de impoñente tamaño só buscaban un abrazo. "Valores que nos poden transmitir os cans aos seres humanos: non critican, non xulgan, non senten mágoa. Todo de forma consciente, tranquila, con respecto, sen gritar e gozando do contacto cos animais", explica Correa os obxectivos do taller.
E o comportamento dos escolares foi exemplar. "Os nenos fanse responsables dos cans. Dicímoslles que os teñen que facer sentir como na casa. No canto de aplaudir, utilizamos a linguaxe dos sordomudos, non correteamos pola sala, esperamos as quendas... É increible como reaccionan os nenos coa excitación que supón ter catro cans nunha aula. Queremos que o pasen ben, pero sobre todo traballamos as emocións e o fan xenial", destaca a directora.
Pero os verdadeiros protagonistas da xornada foron os catro profesores de catro patas. "Teñen un carácter e unha actitude marabillosa", destacan as coidadoras. "Non teñen que ser de raza, fixámonos no carácter, que sexan predicibles e sociables. Logo teñen unha preparación mínima de dous anos en obediencia, pero a espontaneidade que teñen encántanos porque é o que fai que as sesións sexan auténticas", conclúe a monitora.
Relacionadas:
-
RADIO.- O teu can está a facerse maior? Podcans fala da vellez nestes animais
Por Redacción |
-
Alumnos das Doroteas denuncian a violencia machista cunha montaxe sobre o que ocultan as fotos de Instagram
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
O Concello organiza obradoiros con cans para alumnos de Primaria
Por Redacción |