Alumnos das Doroteas denuncian a violencia machista cunha montaxe sobre o que ocultan as fotos de Instagram
Por Manu Otero & Cristina Saiz
Alumnos do grupo de Educación Plástica de cuarto da ESO das Doroteas deseñaron unha orixinal exposición fotográfica para denunciar a violencia machista oculta nalgunhas fotos que os usuarios soben ás redes sociais.
Os escolares idearon e recrearon escenas nas que existe algún tipo de agresión machista, logo colocaron sobre ela un marco de Instagram, de modo que a imaxe queda recortada a un plano que simula unha idílica relación de amor.
O obxectivo desta iniciativa pasaba por desmontar a falsidade transmitida a través das redes. "O máis difícil foi crear as imaxes", explican dous dos alumnos participantes na exposición que visten as paredes do centro educativo.
Desde a dirección do centro destacan a capacidade creativa do alumnado para achegar o seu gran de area na loita contra esta lacra.
Os protagonistas das fotografías son alumnos, profesores e membros da dirección do centro que decidiron colaborar nesta actividade pola orixinalidade da mesma e pola súa relevancia.