Piden medidas urxentes ante o "colapso" dos centros de saúde de Poio
Por Redacción
A concelleira Silvia Díaz, en nome de Avante Poio, e a asociación veciñal, cultural e recreativa Combarro coincidiron este xoves na súa denuncia sobre o "colapso insostible" que presentan os centros de saúde do municipio e na petición de medidas "urxentes" para poñerlle remedio.
Silvia Díaz reclama ao Servizo Galego de Saúde que busque solucións ante unha situación que afecta tanto ás persoas usuarias como ao persoal dos consultorios, que se atopa "ao límite das súas capacidades".
Nesta liña, lembra que en Poio hai case 1.500 menores de 14 anos e para a súa atención só hai dúas prazas de pediatría. Se sobre o papel xa é "claramente insuficiente", considera que a situación vese "agravada" porque desde o mes de marzo un dos facultativos está de baixa, e o Sergas non cubre esta praza nada máis que unhas horas, co cal "temos unha pediatra asumindo un cupo dobre".
O resultado inmediato é, segundo asegura, que hai agardas interminables, salas de espera abarrotadas, urxencias que non se atenden e pacientes que optan por marchar directamente ao Hospital Provincial, centro de referencias para urxencias pediátricas.
A concelleira considera "inadmisible" que o Sergas non substitúa na súa totalidade a baixa dunha das únicas dúas pediatras de Poio e denuncia que o municipio leva soportando esta situación nove meses, pero nesta época do ano, coas doenzas habituais do inverno, a situación xa se fai "insostible".
Ademais, quéixase de que o pasado mes de xullo o equipo de goberno de Poio solicitou unha entrevista coa xerencia da área sanitaria para abordar a situación da atención primaria e, transcorridos cinco meses, a solicitude de reunión aínda non tivo resposta. Agora reiteran esta solicitude de entrevista, instando ademais a que o Sergas a que traslade información detallada de cal é a situación a día de hoxe da cobertura de baixas e permisos do persoal da atención primaria de Poio.
Pola súa banda, a asociación veciñal, cultural e recreativa Combarro indica que este xoves 12 de decembro a situación nos centros de saúde é insostible, pois carecen de servizo de pediatría, o Sergas non cubre as baixas médicas, algún facultativo ten que atender dúas consultas, hai días de saturación, o pouco persoal sanitario está desbordado e é imposible unha atención detallada. "A situación é de caos", denuncian.