Cerdedo-Cotobade arranca esta fin de semana o seu programa de Nadal
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade vai arrancar esta fin de semana o seu programa de Nadal 2019-2020, que inclúe unha quincena de actividades entre as que destacan a visita de Papá Noel e a Cabalgata de Reis e que se complementarán con deporte, teatro, música, maxia eventos benéficos, cine e literatura.
O programa iniciarase esta fin de semana coa representación da peza teatral "A Galicia Insólita", que servirá de homenaxe a Antonio Fraguas e clausurará as Letras Galegas 2019 no municipio. A obra de Os Algures terá lugar ás 19.00 horas no Auditorio de Cerdedo con entrada de balde.
Ao día seguinte, domingo 15, presentarase a novela "Recuérdame quien soy", de Gisela Moon, ás 19.30 horas no salón multiusos de Carballedo.
O martes 17 haberá a charla "Toponimízate" ás 16.30 horas horas no IES de Cotobade e na xornada seguinte Papá Noel realizará a súa tradicional visita aos tres colexios públicos e ás escolas infantís do municipio. Esa mesma semana haberá sesión de cine coa película "Spiderman Homecoming" ás 20.15 do venres 20 en Carballedo, a actuación do grupo Abeleiras ás 19.30 horas do sábado 21 en Cerdedo e un evento deportivo benéfico con pilates, ioga, zumba e defensa persoal dende as 17.00 horas do domingo 22 no pavillón de Cerdedo.
Antes de que remate o ano, a programación continuará co espectáculo "Loca Academia de Maxia" ás 19.00 horas do venres 27 no Centro Cultural de Cerdedo, a segunda edición do Torneo Cup de Fútbol Base durante toda a derradeira fin de semana do ano no Campo das Extremas, o festival da Banda de Música de Cerdedo ás 18.30 horas do sábado 28 no auditorio da localidade e o festival da Banda de Música de Tenorio ás 17.00 horas do domingo 29 no seu propio local.
O novo ano contará cunha sesión de cine da longametraxe infantil "El Rey León" ás 19.00 horas do xoves 2 no Centro Cultural de Cerdedo e, xa o sábado 4, cos tradicionais Cantares de Reis ás 19.00 horas no colexio de Carballedo.
Finalmente, a xornada máis agardada será a do domingo 5 de xaneiro coa Cabalgata de Reis que comezará cun pasarrúas matinal por todas as parroquias do territorio de Cotobade e rematará, xa en Cerdedo, coa tradicional recepción cos cativos dende as 17.00 horas na Praza do Concello para recoller as súas cartas e peticións e proceder á habitual ofrenda ao Neno Xesús. Finalmente, a comitiva desprazarase ao CEIP San Xoán Bautista, onde os rapaces recibirán agasallos, haberá animación musical e un convite a chocolate con rosca.