'Nadal na Oliva' levará aos máis pequenos de viaxe polo mundo
Por Alejandro Espiño
As galerías da Oliva deseñaron un amplo programa de actividades para festexar o Nadal que, entre outras iniciativas, incluirá obradoiros que ensinarán aos nenos e nenas de Pontevedra como celebran o Nadal noutras rexións do mundo como Rusia, Brasil, Islandia, Nova Zelanda, Hawai, Nova York e Xapón.
O programa Nadal na Oliva ofrecerá entre o 20 de decembro e o 4 de xaneiro actividades gastronómicas, artísticas, creativas e musicais coas que se pretende incentivar as compras nos establecementos deste espazo comercial.
Entre outras sorpresas, as galerías terán unha noria e un pequeno tren no que se poderán montar os máis pequenos.
Este programa, impulsado polo Concello a través do servizo de Promoción económica, está destinado a nenos e nenas de entre 3 e 10 anos, e prevé ademais de xogos de benvida para recibir aos pequenos cada xornada, tarefas plásticas, talleres de cociña divertida, xincanas pola Oliva, xogos teatrais, cancións ou dinámicas de diverso tipo.
Haberá ademais un Espazo Contacontos no que, xunto coas tradicións do Nadal noutros país tamén se mostrarán tradicións de Nadal en Galicia, por exemplo coa figura do Apalpador.
A iniciativa dedicará tamén un espazo de tempo de cada sesión á confección dun xornal de Nadal, no que os 'pequerreporteir@s' máis dicharacheiros converteranse en auténticos xornalistas e recollerán novas, entrevistas, novidades e anécdotas que estean a acontecer neste espazo comercial.
Todos aqueles que queiran anotarse nas actividades, que se celebrarán cada día en horario de 17:00 a 19:00 horas, poderán facelo a través da dirección de correo electrónico nadalnaoliva@gmail.com.