Investigan a morte dunha veciña de Meis golpeada por un carneiro
Por Redacción
Unha veciña de Meis de 65 anos faleceu este mércores en circunstancias pouco habituais e, á vez violentas. A Garda Civil mantén aberta unha investigación e aínda queda por establecer a causa definitiva da morte, pero todo apunta a que faleceu como resultado dos golpes que lle deu un carneiro.
Todo ocorreu sobre as 19.40 horas deste mércores no lugar de Outeiro, en Meis. Os servizos de emerxencias foron alertados pola morte dunha muller e desprazáronse ao lugar tanto os servizos médicos como a Garda Civil.
Á súa chegada, atopáronse con que o corpo sen vida da muller estaba no cortello dunha leira e presentaba un forte golpe na cabeza. Na parede do cortello había restos de sangue e había tamén un carneiro adulto coa cabeza manchada de sangue.
A filla da falecida relatoulles que o carneiro trucaba. Os investigadores aínda teñen que cotexar as probas recollidas no lugar dos feitos e á muller aínda hai que realizarlle a autopsia, pero as primeiras conclusións da Garda Civil apuntan a que a causa da morte son os golpes do carneiro.
O persoal sanitario certificou a morte, pero non as súas causas e o médico forense autorizou ao levantamento do cadáver coa orde do seu traslado ao Hospital Provincial de Pontevedra para que o persoal do Instituto de Medicina Legal de Galicia (Imelga) lle practique a autopsia.