O Concello de Vilagarcía falará co Ministerio de Interior para aclarar o futuro do Garda Civil no municipio
Por Oskar Viéitez
O Concello de Vilagarcía está xestionando a celebración dunha entrevista cos máximos responsables do Ministerio de Interior para aclarar o futuro da Garda Civil na cidade, "ante as confusas e contraditorias informacións xurdidas en torno ao proxecto de construción no novo cuartel" previsto en Fontecarmoa.
Dende o executivo de Alberto Varela din que "o goberno local quere que se lle expliquen e concreten os plans efectivos que manexa actualmente o Ministerio" e avanza que, si efectivamente se confirma que queda descartado o proxecto de Vilagarcía, o Concello solicitará a inmediata reversión do terreos cedidos para este fin en Fontecarmoa.
A información divulgada este mércores dende a Delegación do Goberno en Galicia sobre a suposta reunificación dos efectivos da Garda Civil de Vilagarcía e Cambados neste último municipio, colleu por sorpresa ao goberno local de Vilagarcía que non só descoñecía esta opción, senón que, a maiores, confiaba en que o proxecto do novo cuartel en Fontecarmoa ía saír adiante despois de que a propia Delegación do Goberno confirmara en abril a existencia dunha partida de 2,8 millóns de euros para este fin.
Precisamente, unha das preguntas que os representantes municipais realizarán aos responsables de Interior na reunión que se está xestionando, é que ocorre con esa partida e cal será o seu destino definitivo.
As conversas mantidas a instancias do Concello coa Delegación de Goberno e o posterior comunicado emitido polo organismo asegurando que se reforzará a presenza da Garda Civil en Vilagarcía a través dos departamentos fiscal e aduaneiro, xeraron "aínda máis confusión" posto que, de ser confirmarse este extremo, "o Ministerio tería que negociar a procura dos terreos ante a Autoridade Portuaria, en cuxos terreos a Garda Civil xa dispón de instalacións a través do Punto de Inspección Fronteiriza, e non ao Concello que, como se sabe, non ten competencias en terreos portuarios".
Outra realidade é que nun municipio da entidade de Vilagarcía, as competencias de seguridade cidadá as ostentan a Policía Nacional e a Local. Consecuentemente, se o Ministerio confirma finalmente o cambio de criterio e a decisión de concentrar os servizos fora de Vilagarcía atendendo a criterios de eficacia, operatividade e racionalización, o Concello de Vilagarcía non vai a cuestionar a conveniencia da medida. "O importante é que o servizo funcione de forma óptima, independentemente de dende onde opere", conclúen dende Ravella.