Bueu cambiará a LED máis de 400 puntos de luz do municipio
Por Redacción
Unha axuda do Instituto para a Diversificación e Aforro de Enerxía (IDAE) permitirá ao Concello de Bueu cambiar más de 400 luminarias de Montemogos, Pousada, Banda do Río e Pazos Fontenla. Todas elas pasarán a contar coa tecnoloxía LED.
O proxecto está valorado nuns 200.000 euros, dos cales o Concello e a Deputación deberán achegar o 10% do total, correspondendo a maioría do financiamento a este organismo dependente do Ministerio de Transición Ecolóxica.
O cambio das luminarias obsoletas permitirá, segundo salienta o goberno municipal, reducir o consumo eléctrico, ofrecer unha tecnoloxía máis fiable en canto á conservación e mantemento e minimizar considerablemente a contaminación lumínica.
O Concello elaborou unha memoria na que se detallan catro áreas estratéxicas nas que se van actuar, que son a zona de Pousada, na parroquia de Cela, e o lugar de Montemogos, en Beluso.
Tamén destaca a renovación de puntos de luz en rúas do centro como Pazos Fontenla, Matilde Bares, Johán Carballeira e parte da urbanización das Lagoas; e a das zonas interiores do barrio da Banda do Río, nas rúas Rosalía de Castro, Francisco Escáneo e Alexandre Bóveda.