O Concello remata o ano cunha "maratón" de adxudicacións por máis de 6,3 millóns de euros
Por Oskar Viéitez
O departamento de Contratación está a xestionar nestes momentos máis de 6,3 millóns de euros en diversos proxectos e obras que poderán estar adxudicados ou moi avanzados na súa contratación, de cara á vindeira semana. Neste tramo final de ano, están sobre a mesa a contratación do acceso a Monte Porreiro, a reforma de Loureiro Crespo e o barrio do Castañal, o acondicionamento do novo Local Social dos Campos, o contrato marco de sostemento dos espazos públicos urbanos ou varias partidas destinadas á potenciación da administración electrónica.
A concelleira responsable Anabel Gulías agradeceu o esforzo por parte de todos os servizos implicados na contratación, que están tendo un "maratón" de reunións que concluirán ao longo da semana que vén coa adxudicación de diversos contratos que "serán básicos para os futuros catro anos na cidade".
O único contrato adxudicado esta semana foi o do Centro Social dos Campos á empresa Prace por 471.248 euros e un prazo de adxudicación de 5 meses. Os traballos comezarán unha vez que se asine o contrato e se formalicen outros trámites administrativos como o plan de seguridade e hixiene. A concelleira de Contratación, Anabel Gulías estimou que a obra poderá comezar a mediados do vindeiro mes de xaneiro.
Sen dúbida, a contratación de maior contía que se está a abordar nestes días é a reforma da rúa Loureiro Crespo e do barrio do Castañal. Este venres fíxose a valoración das 11 ofertas técnicas e económicas presentadas, e a adxudicación poderá realizarse na vindeira semana. A reforma ten un prezo de licitación de 2.557.256 euros, ao que hai que sumar as melloras ofertadas polas empresas que se incrementa en 341.380 euros. O prazo de execución desta obra é de 11 meses.
Un dos proxectos máis importantes deste período de contratación é a adxudicación do acceso de Monte Porreiro dende Tafisa até os Campos, cunha licitación de 1.137.280,50 euros. A Mesa de contratación valorou as ofertas técnicas e económicas das 16 propostas presentadas. Anabel Gulías destacou que "dado que parece que non vai haber baixas temerarias, poderase axilizar os procesos administrativos", a súa adxudicación podería realizarse a vindeira semana.
Outro dos contratos con maior contía foi o de sostemento dos espazos públicos urbanos ao que se presentaron catro empresas. O orzamento de licitación é de 500.000 euros, e ao igual que no caso anterior, dado que non existen baixas temerarias na oferta económica, o contrato podería estar adxudicado na semana que vén.
En relación á administración electrónica celebráronse vairas mesas de contratación, todas elas pendentes da adxudicación definitiva, son: a licitación de cabina de almacenamento de datos por 87.120 euros, a renovación dos servidores por 37.000 euros, e o novo sistema de Xestión tributaria por 450.000 euros.
Tamén se celebrou unha mesa para a contratación da publicidade, merchandasing e diversos aspectos vinculados á difusión da Estratexia de Desenvolvemento Urbano, Sostible e Integral (EDUSI) Máis Modelo Pontevedra. Os conceptos estaban divididos en catro contratos cun importe global de 87.000 euros.
Na vindeira semana está previsto volver a reunir a Mesa de contratación para valorar as ofertas técnicas e económicas doutros dos contratos importantes para Pontevedra: a iluminación ornamental das pontes valorado en 440.055 euros e a colocación da iluminación led na parroquia de Lourizán por valor de 217.871 euros.
Relacionadas:
-
Adxudicada á empresa COVSA a reforma de Loureiro Crespo e O Castañal
Por Oskar Viéitez |
-
A creación do 'núcleo de centralidade' dos Campos, en marcha
Por Manu Otero |
-
Doce empresas presentan ofertas para reformar Loureiro Crespo e O Castañal
Por Redacción |
-
A construción do novo acceso a Monte Porreiro por Os Campos durará nove meses
Por Alejandro Espiño |