Recoñecementos en Moraña ao sabor secular do queixo e o mel galegos
Por Natalia Puga
O queixo e o mel galegos foron este venres os protagonistas indiscutibles en Moraña. O Pazo A Toxeiriña acolleu o acto de entrega de premios da XXII cata dos queixos e da XVIII cata dos meles de Galicia, uns galardóns que, baixo o título 'O Valor da Orixe' recoñecen a calidade e excelencia destes produtos con denominación de orixe protexida e premiou aos que están considerados os mellores do ano.
Un total de 36 industrias queixeiras pertencentes ás catro denominacións de orixe galegas —Queixo Tetilla, Arzúa-Ulloa, San Simón da Costa e Cebreiro— e 20 industrias do mel acollidas á Indicación Xeográfica Protexida Mel de Galicia participaron nas catas que deron como resultado os premios entregados este venres. Os técnicos da Axencia Galega da Calidade Alimentaria (Agacal), en colaboración cos consellos reguladores, recolleron un total de 93 mostras, avalando en todo momento o anonimato das marcas.
En relación cos queixos, resultaron premiados na DOP Tetilla os queixos Don Crisanto (ouro), Queinaga (prata) e Terra de Melide (bronce); na DOP Arzúa Ulloa as marcas Arquesán (ouro), Terra de Melide (prata) e Meilán Sánchez (bronce); na variante curada de Arzúa Ulloa, Arqueixal (ouro); na DOP Cebreiro, Castelo (ouro); e na DOP San Simón da Costa, Prestes (ouro), Don Gabino (prata) e Don Crisanto (bronce).
En canto á cata de meles, os premios foron, na categoría de multiflorais, para Meles JS (ouro), Mel O Cortizo (prata) e Ribeira do Deza (bronce); e na categoría de monoflorais para Mel O Testeiro (ouro), O Trobo mel do Valadouro (prata) e Mel do Saldoiro (bronce).
Os premiados coñeceron o seu nome da boca da presentadora da TVG Lucía Rodríguez e do xornalista cultural e profesor da Universidade de Santiago de Compostela Manuel Gago, que destacaron que todos os premiados son produtos 100% galegos, que conxugan tradición e paixón e co estes galardóns estase a facer un "recoñecemento ao sabor secular" destes produtos.
Entre premio e premio, acompañaron aos asistentes por unha peregrinaxe sen erguerse do asento para mergullarse na historia e nos procesos de elaboración dos queixos e meles galegos, unha tradición "herdada de xeración en xeración" que todos os participantes tamén puideron degustar ao remate da entrega de premios, cun catering cento por cento galego protagonizado por moitos dos produtos que participaron nas catas.
Os 150 asistentes a esta entrega de premios puideron escoitar a música do coro feminino coruñés Sisters in The House, que adaptou o seu repertorio á temática do acto e interpretou temas moi aplaudidos con letras como "Ti tes o queixo, eu teño o mel. O importante é que non falten queixo e mel" ou "Vai moi ben queixo con mel".
O peche do acto chegou da man do conselleiro do Medio Rural, José González, que destacou que a gastronomía "é unha das fontes de prestixio máis relevantes para Galicia" e vinculou esa riqueza culinaria coa cultura da comunidade, da que "é inseparable".
José González reafirmou a aposta do Goberno galego por "potenciar, promocionar e situar a nosa excelente produción agrogandeira a nivel nacional e internacional", partindo de que Galicia "debe competir en calidade e non en cantidade" e que debe facelo, ademais, "baixo unha marca paraugas" como é a de Galicia Calidade.
José González vinculou estas políticas ao proceso de conversión -actualmente en marcha, coa recente publicación do concurso de ideas no DOG- do Pazo de Quián e a súa contorna no "espello do rural galego". A idea é transformar a finca, que acolle o Centro de Formación e Experimentación Agraria, nun centro "de promoción e imaxe dos produtos agrícolas, gandeiros e forestais de Galicia".