A Fiscalía pide catro anos de prisión para un sospeitoso de abusar sexualmente dunha nena de 10 anos
Por Oskar Viéitez
A Sección cuarta da Audiencia provincial de Pontevedra sinalou para o vindeiro martes 17 de decembro un xuízo por un caso de abusos sexuais.
A Fiscalía esixe catro anos e tres meses de prisión para un sospeitoso de abusar de forma continuada dunha menor, filla dun primo da súa muller.
Segundo o relato dos feitos que fai a Fiscalía no seu escrito de acusación, a nena adoitaba acudir as fins de semana ao domicilio dunha curmá do pai que estaba casada co acusado.
Sen que sexa posible establecer con precisión as datas, "en múltiples ocasións" o acusado, "movido pola intención de satisfacer os seus desexos sexuais e servíndose da confianza derivada da relación familiar", aproveitaba o momento de deitar á menor para tombarse xunto a ela e efectuarlle tocamentos por encima da roupa. Polo menos nunha ocasión, colleu a man da nena e levouna ata o seu pene utilizándoa para masturbarse.
Segundo a acusación do Ministerio Público, estas situacións repetíronse ata que a nena cumpriu os dez anos e decidiuse a contar o ocorrido á súa avoa.
A Fiscalía entende que estes feitos constitúen un delito continuado de abuso sexual executado sobre unha menor de trece anos.
Ademais dunha petición de pena de catro anos e tres meses de prisión a Fiscalía tamén solicita ao tribunal que impoña ao acusado a prohibición de aproximarse a menos de douscentos metros da menor, do seu domicilio, centro de estudos ou calquera no que se atope, así como a prohibición de comunicarse con ela por un período de seis anos.
Tamén pide que se impoña ao acusado a medida de seguridade de liberdade vixiada por un período dun ano, que se cumpriría despois da pena.
Como indemnización, reclama que o acusado abone á menor, a través do seu legal representante, a cantidade de dez mil euros.