Ferido grave un condutor que se saíu dunha rotonda, chocou cun valo e caeu por un desnivel de 4 metros en Salcedo
Por Natalia Puga
Un home resultou ferido grave na madrugada deste sábado nun rechamante accidente rexistrado na estrada N-550 na parroquia pontevedresa de Salcedo. Por motivos que se descoñecen, o seu vehículo saíuse da vía nunha rotonda, levou por diante un valo e caeu muro abaixo para acabar na leira dunha vivenda a un desnivel duns catro metros.
O lugar do accidente é xa coñecido dos servizos de emerxencias porque xa se rexistraron no pasado sinistros de similares características. Trátase dunha rotonda situada no punto quilométrico 124 da N-550 a un quilómetro de distancia do Nó do Pino, na zona na que hai situados varios concesionarios. Xusto pegada á glorieta hai unha vivenda contra a que xa impactaron varios vehículos.
O accidente rexistrouse sobre as 6.45 horas da madrugada e foi necesaria a intervención dos Bombeiros de Pontevedra, a pedimento de Urxencias Médicas de Galicia 061. Ata o lugar xa se trasladou unha ambulancia e os sanitarios lograron sacar ao ferido do vehículo sinistrado, pero non lograban subilo ata a estrada para o seu traslado en ambulancia a un centro hospitalario.
Os bombeiros utilizaron unha escaleira manual en forma de rampla e unha padiola niño para subir o desnivel de catro metros e lograron levar o home ferido ata a ambulancia. Finalmente, foi trasladado en estado grave.
O 112 Galicia tivo constancia dos feitos ás 06:45 horas. Segundo a información facilitada aos xestores do Centro Integrado de Atención ás Emerxencias ( CIAE), ademais dos Bombeiros de Pontevedra e os profesionais de Urxencias Sanitarias de Galicia-061, tamén foron informados os axentes da Garda Civil de Tráfico e da Policía Local de Pontevedra e persoal de mantemento de estradas.
Relacionadas:
-
Un condutor resulta ferido nun accidente no que encaixou o seu coche cunha casa en Salcedo
Por Natalia Puga & Mónica Patxot | Creada e actualizada