Cerdedo-Cotobade presenta un orzamento de 4,5 millón entre críticas á falta de apoio do Goberno central
Por Redacción
Un pleno extraordinario da Corporación de Cerdedo-Cotobade debaterá o vindeiro venres 20 de decembro o proxecto de Orzamento 2020, no que o goberno local presenta unhas contas un 9,6% superiores a un ano antes, ata superar os 4,5 millóns de euros, e fai unha forte aposta polas infraestruturas.
O proxecto elaborado polo goberno local de Cerdedo-Cotobade ascenderá, en concreto, a 4.516.187 euros e duplica a partida de infraestruturas, que pasará a superar os 1,1 millóns, pese a que o goberno local critica que ten un descenso moi lixeiro das transferencias correntes pola caída dos fondos procedentes do Goberno central, que "segue sen primar as fusións municipais nin acometer unha discriminación positiva a prol do reequilibrio e dos concellos do interior".
Segundo a información facilitada polo Concello, no capítulo de gastos recóllense 1,5 millóns de euros destinados a persoal, unha cantidade parella á do pasado exercicio e que se mantén na ratio recomendada do 33% do orzamento. Outros case 2,2 millóns de euros serán gastos correntes, co obxectivo de manter o actual nivel dos servizos públicos.
O Plan de Investimentos terá unha contía inicial de 583.000 euros, pero o Concello xa adianta que os seus cálculos son que esta cifra multiplicarase case por dez ao longo do ano ata roldar ou superar os 5 millóns de euros.
Entre as principais actuacións recollidas figuran as expropiacións e a redacción do proxecto da residencia de Carballedo, os proxectos da Casa da Cultura de Carballedo e dos Petróglifos do Lérez, a rehabilitación da Casa do Pobo de Corredoira e o inicio do plan especial para a creación dunha gran área fluvial e de lecer en Cerdedo.
No apartado de transferencias correntes, pasarán de 139.000 a 192.000 euros para favorecer a actividade e dinamismo que outorgan as asociacións á socioeconomía local e prevé aumentar as partidas destinadas a educación, cultura, deporte, comercio, turismo e medio ambiente.
No capítulo de ingresos, a fiscalidade municipal suporá unha recadación global de 1,46 millóns de euros, unha cantidade que se incrementa respecto ao pasado exercicio por mor da actualización do Imposto de Bens Inmobles (IBI), que é unha esixencia estatal na que o goberno local lembra que "carece por completo de marxe de manobra".