Incautan 400 litros de augardente artesanal en Meis e Vilaboa
Por Redacción
Preto de 400 litros. É a partida de augardente artesanal que a Garda Civil incautou en dous galpóns en Meis e Vilaboa, onde se estaba destilando o alcol ilegalmente para logo vendelo.
Segundo informou o instituto armado, os dous rexistros formaron parte dunha operación desenvolta en varios municipios para comprobar o cumprimento da normativa sanitaria e fiscal pola que se rexe a elaboración, distribución e venda deste tipo de bebidas alcohólicas.
A primeira destas inspeccións realizouse a finais do mes de outubro nun galpón de Meis, onde se estaba destilando o augardente nun alambique que non estaba censado.
Días máis tarde, a principios de novembro, localizouse outro galpón no municipio de Vilaboa nas mesmas circunstancias.
En ambos os casos, a patrulla fiscal e de fronteiras da Garda Civil procedeu ao precinto dos dous alambiques e á inmobilización de preto de 400 litros de augardente.
Ao mesmo tempo levantáronse varias actas denuncia por infrinxir a normativa que regula a lei e o regulamento de impostos especiais, porque os responsables non puideron acreditar o pago do imposto por esta actividade, carecían do código de actividade e establecemento e non dispoñían da preceptiva autorización para levar a cabo a destilación.
As denuncias formuladas remitíronse á dependencia de Aduanas e Impostos Especiais de Pontevedra, que é a autoridade administrativa competente na materia.