O Concello recoñece a dificultade para evitar os asolagamentos en Fernando Olmedo: "Son zonas inundables"
Por Redacción
O goberno local de Pontevedra felicitou os equipos de emerxencia polas intervencións realizadas entre as 05.30 e as 07.00 horas deste domingo 15, durante as inundacións que se rexistraban na contorna da rúa Fernando Olmedo e proximidades ao Centro de Tecnificación Deportiva.
Indicaba Anabel Gulias, portavoz do goberno municipal, que resulta moi difícil resolver estes asolagamentos malia que xa se realizaron obras nesa rúa para evitar estas situacións. Afirmaba que mentres antes das obras esta situación era continua cando chovía con frecuencia, agora a inundación se rexistra cando coincide a preamar con precipitacións fortes, como sucedía na madrugada do domingo.
"Son zonas inundables" recoñecía a concelleira nacionalista para afirmar que estes edificios foran construídos enriba dun río e que todo este espazo se atopa nunha zona de xunqueira.
A "solución definitiva" apuntou "sería cambiar de ubicación os edificios", unha solución que o goberno local non contempla, dixo Anabel Gulías, que apuntou a intención de que se volvan revisar as instalacións e as tubaxes.
Sinalou que o goberno local nunca estivo dacordo en facer recheos e que as decisión adoptadas anos atrás "provocan estas circunstancias", apuntou a representante municipal.