O goberno municipal solicita formalmente á UNED a cesión dos seus xardíns
Por Redacción
O Concello dá o primeiro paso para que os xardíns que a UNED ten en Monte Porreiro poidan abrirse á cidadanía. Fíxoo coa solicitude formal que o goberno municipal remitirá á xunta reitora da universidade para acadar a cesión de uso desta zona verde.
O escrito, que foi asinado por Tino Fernández como alcalde en funcións, solicita ao padroado da UNED adoptar a fórmula xurídica máis axeitada para iniciar os trámites administrativos para materializar unha apertura e mellora do parque.
O obxectivo é posibilitar o seu uso pleno pola veciñanza de Pontevedra, entre outras medidas, coa apertura dun acceso dende a zona máis próxima á urbanización de Monte Porreiro e co acondicionamento do parque para mellorar os aspectos que se estimen oportunos.
En concreto, a intención é crear un novo acceso ao parque dende a rúa Italia, á altura do paso de peóns situado ante o supermercado Froiz, optimizar a comunicación interna dos xardíns cunha rede de sendas peonís e dotar ás especies exóticas coas que conta o parque dunha axeitada sinalización.
O Concello destaca na súa solicitude o "gran valor paisaxístico" dos xardíns do centro asociado, con exemplares arbóreos centenarios "impregnados da historia de Pontevedra" dende a granxa de Monte Porreiro.
Ao seu xeito de entender, este parque, sumado á zona verde do miradoiro, ofrece ademais "enormes posibilidades" dende o punto de vista didáctico e de educación ambiental.
A vontade do Concello de pechar un convenio de cesión de uso deste gran espazo verde xa lle fora transmitida de xeito informal á directora da UNED, María Troncoso, nun encontro mantido no propio centro asociado o pasado 28 de outubro.
Durante aquel encontro, a directora amosouse receptiva co proxecto, lembrando que, en todo caso, debía ser a xunta reitora a que tería a última palabra ao respecto. Esta apertura estaría condicionada, en todo caso, aos traballos de mantemento da fachada que a UNED incluirá na proxectada remodelación do edificio do centro asociado.
Relacionadas:
-
A UNED aprobará o martes a cesión dos seus xardíns ao Concello de Pontevedra
Por Redacción |
-
Últimos trámites para que os xardíns da Uned conten cunha nova entrada e estean abertos á veciñanza
Por Redacción |
-
Tallan acacias que xeraban situacións de perigo nos xardíns da UNED
Por Redacción |
-
Petición formal para que o parque da UNED quede aberto á veciñanza
Por Redacción |
-
O PSOE quere abrir á cidadanía o parque da Uned
Por Oskar Viéitez |