O acusado de abusar dunha menor, ante o tribunal: "No hice nada. Esa niña está haciendo una película"
Por Anxo Lourido
O acusado de cometer un delito continuado de abuso sexual sobre unha menor de 10 anos declarábase inocente este martes ante o tribunal da sección cuarta da Audiencia Provincial na vista oral que queda á espera de sentenza.
O home, marido da madriña da menor, rexeitaba as acusacións da fiscal que, segundo relataba, aproveitaba o momento de deitar á nena, cando quedaba na súa casa, para tombarse xunto a ela e efectuarlle tocamentos por encima da roupa e que, polo menos nunha ocasión, colleu a man da menor ata o seu pene utilizándoa para masturbarse.
O home indicou que a relación coa nena era "normal" durante o tempo en que a menor acudía á súa vivenda e que descoñecía a que se debían as acusacións. Ao final da vista defendeuse dicindo fronte a xuíza: "no hice nada. Esa niña está haciendo unha película".
A Fiscalía elevaba a definitiva a súa petición dunha pena de catro anos e tres meses de prisión, así como a prohibición de aproximarse a menos de 200 metros da menor e comunicarse con ela por un período de seis anos.
A representante do Ministerio Fiscal basea a súa petición no testemuño da menor e no informe pericial das técnicas do Instituto de Medicina Legal de Galicia que, segundo indicaron na vista, o relato dos feitos era "consistente e inalterable". A fiscala indicou que non se observa móbil de resentimento ou de vinganza nin motivo espúrio para que a menor realizase un testemuño incerto contra o acusado.
Pola súa banda, o avogado da defensa reclama a absolución do imputado baseándose nas declaracións das testemuñas durante a vista, entre os que se atopaba a madriña da menor, que declaraba que o seu marido nunca se quedou só con ela no seu domicilio.
Para o letrado, as explicacións da nena foran "vagas e deslavazadas" afirmando que existían contradicións no seu testemuño. Ademais tentou poñer en dúbida o informe pericial sinalando que non se tivo en conta a situación persoal da menor, pertencente a unha familia desestruturada nin o seu perfil "fabulador" e "absorbente" que, segundo expuxo nas súas conclusións, destrúen a verosimilitude do relato dos feitos.