Unha enquisa busca coñecer a realidade sociolaboral das mulleres con discapacidade
Por Oskar Viéitez
A Confederación Estatal de Mujeres con Discapacidade (CEMUDIS) está a elaborar un estudo sobre a situación social e laboral das mulleres con discapacidade en España, unha tarefa para a que solicitan a participación nunha enquisa en liña, totalmente anónima, das mulleres con discapacidade residentes en Galicia con idades comprendidas entre os 16 e os 65 anos.
Segundo explicaron este martes nunha rolda de prensa celebrada na Deputación de Pontevedra, este estudo naceu en 2017 ante a necesidade de coñecer a situación sociolaboral destas mulleres analizándoa desde unha dobre perspectiva: "as mulleres con diversidade funcional sofren unha dobre discriminación: por ser mulleres e por ter diversidade", destacou a presidenta provincial Carmela Silva.
A isto engadiu Laura Quintas, de Cemudis, que "en Galicia, co o noso contexto rural, podemos falar mesmo dunha tripla discriminación".
A presidenta provincial insistiu en que "é necesario ter datos cos que poder tomar medidas. Non facelo é unha evidencia do negacionismo".
Neste sentido, Silva reiterou que "sen enquisas non coñecemos a realidade e non ten peso social" polo que indicou que "cos datos enriba da mesa reivindicaremos todo o que sexa necesario".
Paula Pichel explicou que "xa se recolleron 700 testemuños en Galicia e queremos acadar cantas máis posible".
Os datos que revele este traballo demoscópico permitirán abordar as necesidades específicas dunha discriminación interseccional, profundando nas circunstancias concretas e as dificultades ás que deben facer fronte aínda as mulleres con discapacidade.
En España hai 791.000 mulleres con diversidade funcional en idade activa
Segundo os datos achegados por Cemudis, en España hai 791.000 mulleres con diversidade funcional en idade activa. A súa taxa de emprego é do 25,6% (a dos homes é do 26,6%), a temporalidade é do 90% e cobran uns 3.300 euros anuais menos que os homes con diversidade funcional e 2.900 euros menos que mulleres sen diversidade funcional. O risco de pobreza sitúase no 30,7%
A onfederación considera que para poder terminar con esta situación de desvantaxe social e múltiple discriminación é necesario saber cales son a orixe e as causas que a producen, para poder abordalas de maneira transversal ata conseguir a súa total erradicación e, por tanto, unha inclusión real e plena das mulleres con discapacidade na sociedade.