Protección Civil recibe un remolque que axilizará as súas intervencións en situacións de emerxencia
Por Manu Otero & Cristina Saiz
A agrupación de Protección Civil recibiu este martes un novo remolque equipado con todas as ferramentas e utensilios que os voluntarios precisan para atender calquera tipo de emerxencia que se poida producir no termo municipal de Pontevedra ou en calquera dos concellos veciños cos que tamén colaboran cando é necesario.
No acto de entrega do remolque, valorado en 17.000 euros e que foi posible grazas a un convenio de colaboración subscrito entre o Concello e a dirección xeral de Emerxencias da Xunta, participaron o delegado territorial da Xunta en Pontevedra, Xosé Manuel Cores Tourís; a concelleira de Seguridade Cidadá, Eva Vilaverde; e o presidente da agrupación, Hermenegildo Novoa.
"O maior interese deste Concello é conseguir uns equipamentos e instalacions axeitados e dignos para a agrupacion porque estamos moi contentos do traballo que realizan e da axuda que prestan a toda a veciñanza en operativos do Concello", declarou a edil nacionalista.
A agrupación pontevedresa é unha das máis grandes da provincia. Conta con 900 voluntarios e só durante este ano prestaron servizo en 115 operativos, entre os que figuran grandes eventos deportivos, acontecementos culturais e festivos ou situacións de alerta como as inundacións da madrugada do sábado na rúa Padre Fernando Olmedo.
"Estou moi contento co remolque que acaban de facilitarnos. Temos un amplo surtido de material que nós utilizamos normalmente. A facilidade que nos dá isto é poder ter todo de conxunto e poder saír nun momento de apuro para atender calquera emerxencia que apareza", sinalou o presidente Novoa, durante a visita dos representantes políticos á base situada nos baixos de Pasarón.
O remolque dispón dunha electrobomba sumerxible, unha motobomba para augas residuais, un xerador de electricidade portátil de gasolina, unha motoserra, unha rozadora manual, unha torre de iluminación e un kit de balizamento e sinalización.
"A de Pontevedra é unha dás agrupacións máis importantes da provincia. Fan unha labor fundamental como se está vendo nestes días de riadas", afirmou o delegado territorial, Cores Tourís, antes de puntualizar que a Xunta leva destinados nos últimos anos máis dun millon de euros en mellora de equipamentos das agrupacións de Protección Civil en toda a provincia.