Moraña aumentará en 2020 o seu plan municipal de compostaxe
Por Redacción
Moraña segue a dar pasos para ampliar o plan municipal de compostaxe. O número de familias adheridas a este programa chegará ata as oitenta, coa incorporación de trinta novas familias. Todas elas veñen de recibir os seus composteiros domésticos.
Os recipientes, cedidos pola Sociedade Galega de Medio Ambiente (Sogama), súmanse aos cincuenta que xa se repartiran desde o ano pasado.
A alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, achegouse este martes á nave municipal para supervisar a entrega dos composteiros ás familias que os solicitaron.
Nestes días repartíronse unha vintena destes contedores pero aínda quedan algúns sen asignar, polo que os veciños que estean interesados poden anotarse no Servizo Municipal de Medio Ambiente para sumarse, gratuítamente, a este programa.
Ante a crecente demanda, a rexedora agradeceu a colaboración e a resposta veciñal a esta iniciativa e amosou a súa satisfacción por ir dando pasos na reciclaxe de residuos orgánicos para a súa conversión en abono.
De cara ao vindeiro ano, o Concello seguirá ampliando a dotación de contedores de reciclaxe e solicitaranse novas partidas de composteiros domésticos a Sogama co obxectivo de reducir "ao máximo posible" as 1.425 toneladas anuais de lixo que produce o municipio e concienciar "aínda máis" aos veciños para separalos axeitadamente e favorecer a reciclaxe.