Pontevedra celebra os seus 850 anos como cidade cunha aplicación e un videoxogo sobre a súa historia
Por Redacción
A celebración do 850 aniversario da concesión do Foro á cidade de Pontevedra celebrarase na cidade do Lérez cunha exposición interactiva, un videoxogo e unha unidade didáctica sobre a historia da urbe titulada O segredo da Ponte do Burgo, que se inaugurará o xoves ás 18.30 horas.
O concelleiro de Patrimonio Histórico, Xaquín Moreda, presentou este martes os actos previstos polo goberno local. "É unha aposta por incluír formatos e linguaxes do noso tempo aplicados á historigrafía e a promover o estudo da historia local" asegurou o edil.
Tanto a aplicación como o videoxogo foron realizados polo grupo de innovación docente da Universidade de Vigo. Sobre a aplicación de realidade aumentada indicaron que permitirá aos visitantes interactuar cos contidos dos paneis da exposición da Ponte do Burgo a través das respostas a preguntas e realizando un xogo de construción.
Doutra banda, a unidade didáctica inclúe contidos máis amplos sobre a Pontevedra medieval e vai especialmente dirixida ao profesorado de Primaria. Estes contidos fundamentarán o eixo do videoxogo, que terá como protagonista a un personaxe inspirado no papagaio Ravachol, co que haberá que percorrer diferentes escenarios da cidade nos que terán que superar diversos niveis asociados ás confrarías medievais e que terminarán coa resolución dun enigma final.
Lembrou Moreda que estas accións serven como complemento a outras realizadas anteriormente como a publicación do libro sobre o Foro de Pontevedra.
Relacionadas:
-
Abre a mostra interactiva 'O segredo da Ponte do Burgo'
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz |
-
As obras da ponte do Burgo continuarán no Nadal para poder cumprir os prazos
Por Alejandro Espiño |
-
Sabe a cidadanía de Pontevedra o que lle debe aos reis de Galicia, Fernando II e dona Urraca?
Por Redacción |
-
Pontevedra conmemorará os 850 anos dos seus "primeiros pasos" como cidade
Por Alejandro Espiño |