A Lama remata o ano concedendo axudas á natalidade a nove familias
Por Redacción
O derradeiro pleno do ano da Corporación municipal da Lama aprobou esta semana conceder nove axudas para o fomento da natalidade e o empadroamento a outras tantas familias que tiveron fillos no municipio este ano.
Esta achega é compatible con calquera outra existente e supón un montante total por recén nado de 1.000 euros repartidos en dous pagos anuais de 500 euros para pais que acrediten o seu empadroamento no Concello da Lama.
A decisión tomouse por unanimidade dos concelleiros presentes na sesión e supón que os beneficiarios terán a oportunidade de recibir esta contía durante un máximo de dous anos consecutivos.
O alcalde da Lama, Jorge Canda, defendeu no Pleno que a intención do grupo de goberno é continuar con este tipo de iniciativas para fomentar a natalidade e, ao mesmo tempo, fixar poboación no municipio.
O rexedor lembrou que un dos problemas que teñen os municipios rurais e do interior da provincia, como o da Lama, é a baixa natalidade, o envellecemento da poboación e a necesidade de enraizar habitantes nos núcleos rurais "xa que senón a poboación diminúe ao abandonar as aldeas cara ás grandes cidades na procura de novas oportunidades". Con iniciativas como estas buscan premiar a aquelas persoas que deciden quedarse ou apostan pola Lama. "Así teñen un aliciente máis", sinalou Jorge Canda.