A incubadora de bandas de Pontevedra inicia a súa segunda edición con seis grupos
Por Manu Otero
A segunda edición de Xeración Sónica xa está en marcha. A incubadora de bandas locais que ten o seu centro neurálxico no local de ensaio de Pontevedra inicia unha nova andaina coa participación de seis grupos, cuxos integrantes teñen idades comprendidas entre os 13 e os 16 anos. "Naceu como continuación do Rocklab, pero non é unha escola de música porque os alumnos xa teñen que saber tocar un instrumento. É para tutorizar proxectos", explicou Gonzalo Maceira, un dos ideólogos desta iniciativa.
O obxectivo deste programa é axudar, ensinar e aproveitar o talento dos mozos da cidade para crear un clima musical que desemboque na creación de novas bandas capaces de continuar a súa carreira en solitario despois de terminar o programa. Por iso, ao finalizar o curso gravarase un disco conxunto baixo o título Xeración Sónica Volume 2.
Os pioneiros foron os participantes na primeira edición do programa promovido pola concellería de Xuventude. O primeiro volume de Xeración Sónica producido polo selo discográfico Arte Calavera, creada especificamente para axudar na promoción dos valores saídos desta actividade municipal, será presentado este xoves na Sala Karma de Pontevedra. "Inclúe oito referencias musicais de catro bandas e tres delas sacarán o seu propio disco en solitario", destaca Maceira.
"O obxectivo é formar á nova xeración de músicos", declarou na presentación do programa o concelleiro de Xuventude, Alberte Oubiña. Pero o apoio da cidade a estas prometedoras estrelas non se limita só a cederlles un local de ensaio e promocionar os seus traballos. Os participantes na primeira edición tiveron a oportunidade de actuar en escenarios como os do Surfing the Lérez, Galegote Rock ou Culturgal. Ademais, nove empresas locais amadrinaron ás bandas para facer posible a gravación das súas videoclips e do disco.
Outro dato que enorgullece aos organizadores é que a canteira musical pontevedresa non está concentrada nun só instituto, debido a que entre os participantes hai mozos de case todos os centros educativos da cidade.
Relacionadas:
-
A Praza de Ourense acolle unha mostra recompilatoria da evolución musical: 'Cantámola en galego'
Por Redacción |
-
Pontevedra goza dunha boa dose de música en galego cun novo Galegote Rock
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
Xa está aquí o Galegote Rock, con tres días de música en galego por Pontevedra
Por Redacción & Mónica Patxot |
-
O Local de Música adopta un enfoque máis profesional
Por Redacción |
-
Se tes entre 13 e 16 anos e inquietudes musicais, es parte da Xeración Sónica
Por Oskar Viéitez |