Remata a remodelación do vial do antigo campo de fútbol de Vilarchán
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade acaba de rematar unha mellora viaria no lugar de Vilarchán, na parroquia cerdedense de Quireza, consistente na remodelación completa do vial do antigo campo de fútbol, que permitirá reforzar a mobilidade e favorecer o acceso ás vivendas da zona sur desta aldea. Con motivo da conclusión destes traballos, e tal como se fai con cada obra, o alcalde, Jorge Cubela, e a concelleira Lourdes Ovelleiro supervisaron esta actuación.
Os traballos executados beneficiaron aos 255 metros do vial e personalizáronse en dous treitos para atender ás necesidades de cada un deles.
Cómpre lembrar que esta obra en Vilarchán compartía un gran lote, pertencente ao Plan Concellos e dotado con 120.000 euros, que tamén incluíu outras cinco no territorio de Cerdedo, como foron a conexión e as cunetas entre San Antón e Cervas, pavimentacións en Vilar, acceso e praza na contorna do local social de Viduído, acceso en Esbarrela-Folgoso e camiños interiores en Vilar.
O alcalde de Cerdedo-Cotobade, Jorge Cubela, destacou, tras rematar a visita, "o gran esforzo en investimentos para infraestruturas que estamos a impulsar dende o goberno local para as 21 parroquias do noso concello" e anunciou que a partida municipal de infraestruturas vai duplicar o seu orzamento para o vindeiro ano 2020 e estará dotada con máis de 1,1 millóns de euros.