A Lama deseña un amplo programa de actividades para celebrar o Nadal
Por Redacción
Cunha ruta de sendeirismo, que levará aos participantes pola subida ao Cando, comezará o próximo 22 de decembro a programación de actividades que deseñou o Concello de A Lama para celebrar o Nadal no municipio.
Nesta oferta, presentada entre outros polo alcalde Jorge Canda e o concelleiro de Cultura, Daniel Vidal, inclúese cine, obradoiros de xogos, un concerto solidario, recollida de cartas e a recepción oficial aos Reis Magos.
Tras a camiñada, entre o 26 de decembro e o 3 de xaneiro, en colaboración coa Deputación de Pontevedra, desenvolverase o programa Tecendo Lazos, orientado a obradoiros de xogos para os máis cativos que se desenvolverán polas mañás no multiusos da Lama.
Outro clásico do Nadal na Lama é o cine de gran pantalla para gozar en familia e, nesta ocasión, o venres 27 de decembro, ás 17:30 horas, terá lugar a proxección de El Rey León.
A solidariedade virá da man dun concerto protagonizado pola Banda de Música de Cerdedo, a Banda de Gaitas Catro Ventos e amigos que amenizarán o serán do domingo 29 de decembro, a partir das 19 horas, no salón de actos do colexio da Lama.
Os asistentes deberán acceder ao recinto tras depositar un quilo de alimentos non perecedoiros. Ao rematar o espectáculo degustarase unha gran chocolatada con rosca.
O aninovo comezará dun xeito moi especial cun despregamento a cargo dos paxes reais que percorrerán os distintos centros sociais das parroquias do municipio para recoller as cartas destinadas aos Reis Magos de Oriente.
Así, os paxes reais percorrerán o xoves 2 de xaneiro estarán na Escuadra (16 horas), Covelo (16:45 horas), Barcia de Seixo (17:30 horas), Seixido (18:15 horas) e Antas (19 horas); e o venres día 3 os enviados dos Reis Magos visitarán os centros sociais de Xesta (16 horas), Xende (16:45 horas), Berducido (17:30 horas), Gaxate (18:15 horas) e A Lama (Multiusos ás 19 horas).
A recepción oficial ás Súas Maxestades os Reis Magos de Oriente terá lugar o domingo día 5 de xaneiro ás 11:30 horas no multiusos da Lama, onde os asistentes poderán compartir cos Reis Magos unha gran chocolatada con rosca e facer as derradeiras peticións ás Súas Maxestades.