A Deputación presenta candidatura para ter un itinerario cicloturista homologado de 303 quilómetros
Por Oskar Viéitez
A Deputación de Pontevedra presentou a candidatura da provincia para entrar no EuroVelo, unha rede de 16 rutas de longa distancia que conectan todo o continente europeo con itinerarios ciclables tanto de uso turístico como para a vida cotiá avalados pola Federación Europea de Ciclismo.
Este mércores realizouse unha reunión cos concellos beneficiados e colectivos ciclistas da provincia de Pontevedra na que estiveron presentes o deputado de Mobilidade Uxío Benítez –impulsor da iniciativa-, a presidenta Carmela Silva, a responsable de Turismo da Xunta Nava Castro, así como responsables da Coordinadora Estatal EuroVelo, da Federación Portuguesa de Ciclismo, e tamén representantes de axencias de cicloturismo internacionais.
O deputado Uxío Benítez explicou que a candidatura pontevedresa ao EuroVelo xurdiu hai tres anos na Mesa pola Mobilidade Ciclista, cando os colectivos ciclistas pediron ao departamento de Mobilidade da Deputación que tomara a iniciativa.
Fíxose entón unha reunión con Turismo da Xunta de Galicia na que se chegou a un acordo para que a institución provincial elaborase un proxecto e definise por onde debía pasar.
Ademais, tamén se instou á Deputación da Coruña para que se sumase á iniciativa e continuase o percorrido dende Catoira ata Fisterra, xa que a Xunta xa estaba a traballar para ligar as dúas rutas coa extensión da Ruta 3, do Camiño de Santiago.
O obxectivo da candidatura, segundo explicou Uxío Benítez, é que a provincia de Pontevedra forme parte das rutas do EuroVelo cunha extensión da Ruta 1 coñecida como ‘Atlantic Coast’.
Creouse, así, un percorrido duns 303 quilómetros e beneficiando a 26 concellos –sobre todo costeiros-, entre Tui e Catoira.
Desta forma continúase a actual ruta EuroVelo de Portugal que a día de hoxe remata en Caminha.
O deputado nacionalista amosouse confiado en que a Federación Europea de Ciclismo dará o seu visto bo á candidatura no próximo trimestre de 2020. Subliñou a importancia e repercusións que terán os roteiros de cicloturismo en canto a rendemento económico a medio e longo prazo para os territorios polo que pasan, lembrando que o cicloturismo move moitísimos visitantes cun perfil económico medio-alto.