O BNG logra introducir cambios nos orzamentos de Cerdedo-Cotobade
Por Oskar Viéitez
O BNG ven de expor diversas iniciativas no marco da comisión previa ao pleno municipal deste xoves 19 de decembro onde o portavoz do grupo municipal do Bloque, Ernesto Filgueira deu conta da necesidade de introducir cambios en diversas partidas no proxecto de orzamentos presentados polo goberno.
Filgueira solicitou redistribuír 200.000 euros a fin de dar cobertura ás mocións plenarias aprobadas nos últimos meses nas que se recollían temas tan relevantes como a seguridade viaria nos accesos aos colexios, o aumento das accións culturais de dinamización social, a revisión da rede do saneamento e eliminación das verteduras ou mesmo sobre a promoción dos produtos ecolóxicos e agrícolas locais.
Ademais destas iniciativas, o portavoz nacionalista asegurou conseguir o comprimiso da Alcaldía de dedicar unhas partidas para desbloquear as obras de mellora das estradas de Bugarín, Borela e Almofrei.
Un dos compromisos que asegura ter adquirido do goberno con Filgueira é o relanzamento dunha comisión que se encargue da organización do Ano Ricardo Portela 2020 así como do seu nomeamento como Fillo Predilecto cunha partida de 60.000 euros.
Entende o BNG que "a mobilidade veciñal é unha prioridade para o próximo ano" polo que propuxo contemplar unha partida específica para facilitar as interrelacións veciñais cos servizos públicos precisos para a vida no rural. E tamén demandaron unha partida económica dedicada en exclusiva a retirar a simboloxía franquista existente nos bens públicos do concello e cumprir coa Lei de Memoria Histórica.
Ademais Ernesto Filgueira propoñerá medidas para reducir a partida de gastos correntes, "hoxe demasiada alta", e fará propostas para incrementar os ingresos municipais.
O portavoz do grupo municipal do BNG, Ernesto Filgueira, anunciou que "non imos ser un obstáculo na aprobación dos orzamentos municipais pois entendemos que, aínda que mellorables, deben ser o motor que incidan na vida pública e social do municipio, por iso anuncio a abstención do BNG das contas de 2020".