O Sergas volve propoñer a ampliación do centro de saúde de Anafáns
Por Oskar Viéitez
O Servizo Galego de Saúde (Sergas) propuxo a ampliación do centro de saúde de Anafáns. A xerencia da área sanitaria de Pontevedra considera "moito máis viable en tempo de execución" a opción de ampliación deste centro de saúde poiense, para o cal apuntan que o Concello "debería solucionar os aspectos urbanísticos", co fin de que Anafáns poidera crecer en preto de 800 metros cuadrados.
Xa no ano 2015 responsables sanitarios e técnicos do Sergas mantiveron un encontro co alcalde de Poio e con técnicos deste concello para formular a posibilidade dunha ampliación e coñecer as disposicións do plan xeral de ordenación municipal en relación co terreo no que está situado o centro de saúde. Posteriormente, visitáronse as instalacións de Anafáns para valorar as necesidades e analizar as posibilidades de ampliación desa parcela.
Tras unha fase preliminar, na que o Concello de Poio debería efectuar unha modificación urbanística, elaboraríase un plan funcional no que se detallara a zona na que se realizaría á ampliación, os metros cadrados que se incorporarían ao centro e a utilización concreta dos novos espazos, así como a posibilidade de aumentar tamén as prazas de aparcadoiro.
COBERTURA DE AUSENCIAS
No que atinxe á cobertura de ausencias, a área sanitaria de Pontevedra reitera que son dous os elementos que na actualidade condicionan a dificultade de cobertura de ausencias de profesionais en Atención Primaria. Por unha banda a non dispoñibilidade de médicos de familia nas listas de contratación temporal, unha circunstancia "que se produce en todas as comunidades autónomas do Estado, non sendo unha condición específica de Galicia ".
Por outra banda, sinalan que se está a producir nesta área sanitaria un incremento "moi importante" das baixas por enfermidade dos médicos de familia. Concretamente, segundo os datos do Sergas neste pasado mes de outubro, produciuse un incremento de baixas por enfermidade común, respecto ao mesmo mes de outubro de 2018, dun 136%.
"Este crecemento de ausencias por enfermidade común supón nestes intres o elemento fundamental que impide unha cobertura de ausencias como se viña producindo ata o de agora", engaden os responsables do Servizo Galego de Saúde.
Finalmente, a área sanitaria de Pontevedra sinala que "non se amortizou nin desapareceu ningunha" das prazas de persoal de Atención Primaria en ningún dos centros de saúde de Poio, á vez que reitera que os problemas actuais de recursos humanos persisten "pola reducida capacidade administrativa para cobrer as ausencias que se producen".
Relacionadas:
-
O BNG leva novamente ao Parlamento a "grave situación" do Centro de Saúde de Anafáns
Por Oskar Viéitez |
-
Poio insta a Sanidade a que mellore o servizo e constrúa un novo centro de saúde
Por Redacción |
-
Piden medidas urxentes ante o "colapso" dos centros de saúde de Poio
Por Redacción |
-
O Sergas investiu 4.500 euros nos últimos catro anos no consultorio de Raxó
Por Oskar Viéitez |
-
A plataforma de San Salvador ve un "remendo" no proxecto para ampliar o centro de saúde de Anafáns
Por Redacción |
-
Poio axusta a edificabilidade da parcela de Anafáns para que o Sergas amplíe o centro de saúde
Por Oskar Viéitez |