As bibliotecas de Portas e Cerdedo intégranse na rede pública de Galicia
Por Redacción
A biblioteca municipal de Portas e a axencia municipal de lectura de Cerdedo vanse integrar na rede de bibliotecas de Galicia, organismo dependente da Xunta de Galicia.
A inscrición no rexistro de bibliotecas de Galicia, aprobado xa e publicado no Diario Oficial de Galicia, é o paso previo á integración na rede de bibliotecas.
O seu novo estatus permitiralles ter acceso ás axudas e subvencións que anualmente convoca a Consellería de Cultura e Turismo tanto para adquisición de fondos para bibliotecas como para actividades de dinamización que fomenten a animación á lectura.
Tamén terán acceso ao sistema integrado de xestión bibliotecaria KOHA xa nos primeiros días de 2020.
O persoal bibliotecario, pola súa banda, poderá participar nos programas de formación da Consellería de Cultura e Turismo para incrementar a calidade dos servizos que prestan aos usuarios dos seus respectivos concellos.
Coa integración destes servizos bibliotecarios na rede pública galega, segundo a Xunta, avánzase no obxectivo de que todas as bibliotecas públicas municipais de Galicia que estean activas se atopen en igualdade de condicións á hora de acceder ás axudas públicas e a todos os recursos que ofrece a administración autonómica á local neste ámbito.