A borrasca "Elsa" deixa unha chea de incidencias
Por Oskar Viéitez
A Xunta de Galicia elevou á última hora da tarde deste mércores o nivel de alerta por mor da borrasca "Elsa" a "Emerxencia en situación 1" debido ás inundacións que están a afectar a diversos concellos. Isto facilitará a mobilización dos recursos de emerxencias necesarios a nivel supramunicipal.
"Elsa" está a deixar unha chea de incidencias, as máis repetidas foron: inundacións, muros caídos, desprazamento de contedores e problemas en rúas e estradas por árbores ou ramas sobre a calzada.
O Centro Integrado de Atención ás Emerxencias (CIAE) 112 Galicia rexistrou este mércores, entre as 00:00 e as 18:00 horas, un total de 376 incidencias debido aos fenómenos meteorolóxicos adversos por costeiros, vento e choivas de nivel laranxa. Na provincia de Pontevedra foron 136 nesta franxa horaria.
Na capital rexistráronse numerosas intervencións da Policía Local e Bombeiros pero todas cun carácter menor. O partido de Copa do Rey do Pontevedra CF tivo que ser suspendido a causa do intenso chuvieiro. A cantidade de auga rexistrada na estación de Campolongo superaba os 41 litros por metro cadrado ás 22.00 horas e o vento chegou a alcanzar os 41 km/h.
O récord teno a estación meteorolóxica de Monte Xesteiras, en Cuntis, rexistrou este refacho máximo esta tarde con 148 km/ h. Nesta localidade asolagáronse algúns tramos da estrada nacional N-640 chegando a producirse un accidente de tráfico cunha persoa atrapada no interior dun vehículo.
Tamén en Meis tivo lugar un accidente entre tres turismos e no que tres persoas resultaron feridas. Foi sobre as 20:30 horas. Os profesionais sanitarios informaron ao 112 Galicia do traslado dos feridos ao centro hospitalario de referencia.
En Sanxenxo, foi necesaria a intervención dos servizos de emerxencias en Portonovo, para resolver as inundacións rexistradas nas rúas Rafael Picó e Areal que convertéronse en grandes balsas de auga.
En Poio a estación meteorolóxica do Castrove rexistrou un refacho de vento de 88 km/h. A Policía Local deu conta da caída de postes na rúa Illa de Ons, e no Pereiro, unha árbore derrubada en Campelo e no Vao de Abaixo, así como arquetas levantadas, balsas de auga e contedores no medio da calzada en diversos puntos do municipio.
A alerta amarela manterase ata as 18 horas deste xoves.
Relacionadas:
-
O Umia espera a "Fabien" fóra de si
Por Oskar Viéitez |
-
Suspendidas as actividades deportivas ao aire libre este sábado 21 pola alerta meteorolóxica
Por Diego Espiño |
-
Caos en Fernando Olmedo: coches mergullados, pisos sen calefacción e contedores flotando
Por Manu Otero & Cristina Saiz |
-
Clausuran o Estadio Municipal de Pasarón tras desprenderse varias láminas da cuberta de Preferencia
Por Diego Espiño & Cristina Saiz |
-
Desaloxado o colexio Sequelo de Marín polas incidencias da borrasca Elsa
Por Redacción |
-
Pechan con valados as Palmeiras e o Mirador de Monte Porreiro ante a chegada da borrasca Elsa
Por Redacción |
-
O de 2019 xa é o segundo decembro máis chuvioso do século e espérase máis auga
Por Manu Otero |
-
Pontevedra recolle en 12 horas máis dun terzo da choiva caída nos últimos 30 días
Por Manu Otero |