Un xulgado abre dilixencias por coaccións tras a denuncia veciñal polos concertos da praza da Pedreira
Por Natalia Puga
O Xulgado de Instrución número 1 de Pontevedra decidiu abrir unha causa xudicial para investigar a denuncia presentada en novembro por un grupo de veciños da contorna da praza da Pedreira, no centro histórico, polo ocorrido o pasado mes de setembro durante a celebración de concertos privados do ciclo Cantos na Maré nesta praza pública.
Tras estudar a querela presentada polos veciños, a xuíza acordou incoar dilixencias previas e empezar a realizar as primeiras indagacións neste procedemento xudicial, que se segue por un presunto delito de coaccións. O auto xudicial, ao que tivo acceso PontevedraViva, recolle que os feitos denunciados "presentan características que fan presumir a posible existencia de delito de coaccións".
A denuncia veciñal estaba dirixida de forma xenérica ao Concello de Pontevedra, sen espedificar en quen, por autorizar eses concertos, nos que se lles impediu o acceso ás súas casas aos veciños da zona e rexistráronse niveis de ruído superiores aos autorizados pola ordenanza municipal correspondente.
O xulgado, de momento, non segue a causa contra ninguén en concreto, senón que o citado auto detalla que non se puideron determinar aínda a natureza e circunstancias dos feitos denunciados "nin as persoas que neles interviron".
Respecto diso, o xuíz considera que é "procedente" instruír estas dilixencias previas e "practicar aquelas esenciais encamiñadas a efectuar tal determinación", isto é, a determinar que ocorreu exactamente e quen é o responsable.
Os veciños falan de forma xenérica do Concello mentres que a administración local non ten constancia das irregujlaridades denunciadas e, en todo caso, descarga culpas na empresa organizadora. A compañía rexeitou no seu día facer valoracións.
A querela presentouse o 12 de novembro e relata unha serie de feitos ocorridos entre os días 13 e 15 de setembro que os demandantes consideran que serían constitutivos de tres delitos: dous de coaccións (un deles agravado) e un contra o medio ambiente. Finalmente, o auto xudicial, do 16 de decembro, tan só aprecia as coaccións.