A Seguridade Social recomenda os pontevedreses revisar a súa vida laboral e bases de cotización
Por Oskar Viéitez
A Tesourería Xeral da Seguridade Social enviou informes de vida laboral e bases de cotización aos traballadores que estiveron algún día de alta na Seguridade Social nos anos 2017 ou 2018, sendo un total de 431.542 persoas na provincia de Pontevedra as que recibiron o documento.
Segundo informou en rolda de prensa este xoves a subdelegada do goberno en Pontevedra, Maica Larriba, e o director provincial da Seguridade Social, Juan Herrera, 118.876 informes remitíronse en papel por carta ao domicilio do traballador naqueles casos nos que non consta na base de datos da Seguridade Social o seu teléfono móbil.
O resto, unhas 312.576 persoas, recibiron unha mensaxe de texto por SMS informándolles de que o teñen dispoñible na sede electrónica da Seguridade Social.
O director provincial comentou que, curiosamente, cando empezaron a chegar estes SMS aos traballadores xerouse moita desinformación estendéndose o bulo polas redes sociais de que se trataba dunha mensaxe falsa, un engano que tivo que ser desmentido desde fontes oficiais.
Maica Larriba destacou a importancia de que os traballadores comproben estes datos da súa vida laboral e bases de cotización se corresponden cos períodos en que cotizaron "ya que son fundamentales a la hora de recibir prestaciones como las pensiones de jubilación u otras como maternidad o paternidad". Fronte a isto defendeu as "ventajas" fronte ao formato papel de utilizar a sede electrónica para "tener una vida laboral más viva".
Pola súa banda, Juan Herrera incidiu no "ejercicio de transparencia" que supón poñer ao dispor da cidadanía esta "enorme cantidad de datos" e, do mesmo xeito que a subdelegada, tamén aconsellou á poboación "que revisen los datos porque ahí pueden encontrar errores".
En concreto, no informe integrado de vida laboral e bases de cotización atópanse os días en alta en cada un dos exercicios, as situacións de pluriempleo e pluriactividade, coeficiente a tempo parcial da relación laboral, se o hai, e convenio colectivo que ampara en cada situación, sendo esta última unha das novidades desta campaña.
Ademais, o apartado de bases de cotización incluirá as bases de 2017, 2018 e desde xaneiro de 2019 ata o último período de liquidación dispoñible. Aos traballadores con 60 ou máis anos amplióuselles a información das bases de cotización aos últimos vinte e un anos, xa que a contía da súa futura pensión de xubilación está vinculada con elas.
Outra importante novidade é que xunto ao habitual informe con datos da situación actual do traballador, incorpórase un segundo informe complementario que recibirán os traballadores por conta allea que estivesen dados de alta en 2018. Esta información de interese só a van a recibir os traballadores que estivesen dados de alta no ano 2018 por empresas que efectuasen as liquidacións de cotas mediante o sistema de liquidación directa.