O condutor de 91 anos que arrolou 12 ciclistas na Guarda evita declarar no xuízo onde lle piden 4 anos de prisión
Por Cristina Saiz & Anxo Lourido
O fiscal mantén a súa petición de catro anos de prisión para Manuel Benito A. L., o home que actualmente conta con 91 anos, acusado de arremeter violentamente co seu vehículo o 12 de marzo de 2016 contra un grupo de ciclistas na PO-552 no Concello da Guarda, na estrada entre Vigo e Tui.
Este xoves desenvolvíase a vista oral nos Xulgados da Parda de Pontevedra contra o ancián que responde como presunto culpable de dous delitos de homicidio por imprudencia grave, ademais de por sete delitos de lesións por imprudencia grave causadas a sete dos integrantes do grupo ciclista que foi arroiado.
Manuel Benito A. L., que utiliza un amplificador auditivo, negábase a declarar durante o xuízo e atendeu en silencio ás declaracións que se foron sucedendo ao longo da sesión. O primeiro en contar os feitos acaecidos aquela mañá de sábado foi José Antonio V.V., o ciclista dos dez lesionados que maiores secuelas sofre tras o accidente.
Acompañado pola súa esposa e utilizando un bastón, o que foi profesor na Universidade de Vigo ata que lle declararon a incapacidade absoluta como consecuencia do accidente, narrou como lle cambiaba a vida. Aseguraba que ten moitos problemas, ve dobre, perde o equilibrio e non coordina, chegando a asegurar que ten "problemas de memoria", de forma que apenas sae á rúa e cando o fai ten que ir acompañado.
Segundo expuxo, antes do suceso, era responsable da mecánica do primeiro satélite galego e do calorímetro do novo acelerador de partículas, un proxecto que se desenvolve en Alemaña cun orzamento superior a 1,2 billóns de euros. O seu avogado reclama unha indemnización superior a dous millóns e medio de euros, mentres que o Ministerio Fiscal incrementou nas conclusións solicitando unha indemnización de 1.800.000 euros.
Os axentes da Garda Civil que interviñeron no lugar tras o accidente sinalaron que se trataba dun tramo recto, con visibilidade e con condicións para a condución óptimas. Advertiron de que non había "deslumbramiento", nin refachos de vento que afectasen. Ademais incidiron en que ao longo da estrada hai advertencias de precaución por presenza de ciclistas.
O condutor foi localizado nun bar a algo máis dun quilómetro de distancia e deu negativo no control de alcoholemia e de drogas, ademais os axentes comprobaron que non recibira chamadas que puidesen alterar a condución durante os minutos previos ao accidente.
Un dos axentes indicaba que o suceso "denota distracción total" por parte do acusado, pero aseguraba que non podía entrar no que lle ocorreu sinalando que despois do primeiro atropelo, en lugar de facer unha manobra evasiva, continuou contra o grupo sen que circulase outro vehículo polo carril contrario que lle puidera afectar.
Os 14 ciclistas, que contaban con experiencia nestes roteiros, circulaban en dúas filas de maneira paralela e próximos á beiravía, agás os dous últimos que avanzaban de maneira individual.
Así o referendaba o condutor que viaxaba detrás do coche de Manuel Benito A. L., que relatou como o imputado levouse un tras outro aos ciclistas sen reducir a velocidade golpeándoos: "uno, uno y otro. Solo vi saltar a ciclistas por un lado, por detrás... No tocó el freno. Ni frenó ni giró" e viu como na zona máis alta, a uns metros desta zona, o acusado detivo o vehículo, baixou para coller o cadro dunha bici que se quedou enganchado no coche, tirouno cara a un lado e seguiu o roteiro. Rexeitou que os ciclistas realizaran algunha manobra irregular, que provocase esa reacción por parte do condutor.
Os ciclistas que testificaron ao longo da mañá coincidían nesta versión dos feitos. Afirmaban que non escoitaran chegar o coche porque non realizara sinais acústicos, pasou a 20 centímetros do último dos ciclistas. Unha das testemuñas indicaba que o condutor non realizara freada e só se oía o motor a fondo. Outro dos seus compañeiros matizou que o coche entrara en diagonal e en ningún momento viu que se acendese a luz de freo do turismo.
O fiscal sinalou que o suceso non foi un accidente ao non poder considerarse que fose imprevisible ou inevitable. Apuntou a que igual a ignorancia do condutor se descoñecía que podía pasar a liña continua para evitar aos ciclistas podía atoparse tras os feitos. Desde o Ministerio Fiscal enténdese que, ademais o condutor que contaba coa restrición no seu permiso de conducir de superar o 70 km/ h., ía "como un raio", segundo manifestou unha das testemuñas. A estrada ten un límite de velocidade de 90 km/ h.
Pola súa banda, o avogado da Asociación Galega de Ciclistas, Vicente Guzmán, manifestou que non entendía a actitude do acusado ao non pedir desculpas ás vítimas e familiares dos falecidos no suceso.
Durante as súas conclusións mostrouse moi duro con Manuel Benito afirmando que na declaración realizada en instrución ofrecera datos falsos como a velocidade á que conducía ou ao achacar aos ciclistas unha manobra para ocupar o espazo do coche. O avogado sinalou que a conduta do acusado no accidente como agora podía ser outra.
Por último, Carlos Borrás, avogado da defensa pedía a libre absolución de Manuel Benito A. L. ou subsidiariamente acusado como autor dun homicidio imprudente menos grave. Sinalou que o seu defendido cometera un descoido que provocara un accidente e que, durante a vista oral, non quedara acreditada a velocidade á que circulaba xa que só se baseaba na "sensación dos ciclistas atropelados".
A causa principal, segundo indicou facendo referencia ao atestado da Garda Civil, puido ser unha "distracción momentánea" para apuntar a que unha cousa é que as consecuencias sexan graves e outra que a imprudencia tamén o sexa. Non se pode prexulgar a acción en función do resultado, sinalou. Á saída da vista xustificou que Manuel Benito non declarase en sala pola súa avanzada idade e polo afectado que se atopa.