Caos en Fernando Olmedo: coches mergullados, pisos sen calefacción e contedores flotando
Por Manu Otero & Cristina Saiz
A choiva non dá tregua aos veciños de rúa Pai Fernando Olmedo. Moitos aínda non se recuperaron da inundación que os sorprendeu na madrugada do pasado domingo, cando unha nova tromba de auga volvio a encher de auga garaxes, baixos comerciais e toda a rúa entre as interseccións con Padre Gaite e Casimiro Gómez.
"Foi moi rápido, non nos deu tempo a reaccionar", aseguran os veciños que non puideron sacar os coches dos garaxes e vían con impotencia como o regato da Seca comíase outra vez a súa recentemente humanizada rúa.
"Faltan sumidoiros e cando chove o nivel da auga sobe moitísimo. Fai falta un tubo máis grande", piden uns veciños moi molestos coa reacción do goberno local despois das inundacións do domingo cando achacaron estes problemas ao mal emprazamento no que foron construídos uns edificios que teñen preto de medio século de historia.
A pesar de que unha vez máis a inundación coincidiu coa pleamar, o regato chegou a Fernando Olmedo xa desbordado. Antes de alcanzar o tramo soterrado que transcorre por baixo desta rúa, a auga xa saíra do seu leito para atravesar leiras e atoparse de fronte coa entrada dun garaxe que, á primeira hora da tarde deste xoves, acumulaba máis de dous metros de auga.
"Hai sete coches dentro, estamos a esperar polos bombeiros para que veñan achicar a auga pero dinnos que non van vir porque pola tarde vai seguir chovendo", lamentan con asombro.
No inmoble adxacente, en cuxo garaxe a auga tamén superou o metro de altura, foi desaloxándose aos poucos polos sumidoiros pero o chan quedou cheo de lodo que os veciños terán que volver limpar, tan só dous días despois de deixalo impoluto. Con todo, a tromba deixou unha noticia aínda peor. O río asolagou o cuarto de contadores deixando algúns inutilizados co que varias vivendas están sen calefacción.
"Cambiara os contadores o luns e cando me chamaron outra vez, crei que fixera algo mal. Pero non, é que se volveron a asolagar", comentaba o electricista que acudía por segunda vez na mesma semana a este edificio. "Hai que esperar a que seque para cambialos", puntualiza, co que os afectados terán que aguantar un par de días sen calor.
Na rúa o panorama non é máis alentador. Desde primeira hora da mañá, os empregados dos baixos comerciais afanábanse para retirar con mangueiras a auga e o lodo que aínda se acumulaba nos seus locais. "Estaba cheo de auga, aínda non puiden empezar a traballar", recoñecía o mecánico dun dos talleres do barrio e que, con motivo das choivas, está a ter un aumento de carga de traballo.
A inundación afectou tambien ao Centro Galego de Tecnificación Deportiva. Na noite do mércores organizaban un acto do Nadal cos alumnos e, ao terminar, atopáronse co aparcadoiro e o acceso a á residencia de estudantes asolagada. Os problemas non foron a máis e tan pronto como chegaron os bombeiros para abrir as arquetas a auga comezou a retirarse. "Ás doce e media da noite estaba todo listo", afirmou o director do centro, Jesús López.
Mentres tanto, na vía pública a auga chegaba á altura das fiestras dos coches e os contedores flotaban libremente polo medio da calzada.
Desde o Concello detallan que, unha vez máis, a inundación coincidiu coa pleamar e que despois da actuación dos bombeiros, a rúa quedou aberta. A pesar do aparatoso da riada, asegura a concelleira de Seguridade, Eva Vilaverde, que "non foi das mesmas dimensións que o domingo".
Sobre que medidas adoptar para evitar que se volva a producir, Vilaverde asegura que realizarán un estudo cos técnicos municipais e de Viaqua para buscar algunha actuación que "minimice o problema".
GARAXE ASOLAGADO NO GORGULLÓN
As intensas choivas non afectaron só os veciños de Fernando Olmedo. Na recentemente renovada rúa do Gorgullón asolagouse tamén un garaxe. Tras a peonalización da vía, coa instalación dunha plataforma única, o respiradoiro do garaxe do número 40 quedou á altura do chan.
Durante os últimos días a auga foise filtrando e acabo por derrubar unha viga do interior do soto. Pero o peor ocorreu onte cando a rúa asolagouse e o respiradoiro converteuse nunha fervenza que vertía ao interior do garaxe. "Chegounos a auga aos nocellos, tivemos que avisar a todos os veciños para desaloxar e menos mal que tiñamos unha bomba para achicar", detalla o presidente da comunidade.
Relacionadas:
-
Desaloxado o colexio Sequelo de Marín polas incidencias da borrasca Elsa
Por Redacción |
-
Unha noite de rúas e garaxes asolagados por toda a cidade e dúas horas en alerta total
Por Redacción |
-
A borrasca "Elsa" deixa unha chea de incidencias
Por Oskar Viéitez |
-
Pechan con valados as Palmeiras e o Mirador de Monte Porreiro ante a chegada da borrasca Elsa
Por Redacción |
-
O PP culpa das inundacións ao mantemento inadecuado e á insuficiencia de sumidoiros
Por Oskar Viéitez |
-
O Concello recoñece a dificultade para evitar os asolagamentos en Fernando Olmedo: "Son zonas inundables"
Por Redacción |
-
As intensas choivas asolagan a rúa Fernando Olmedo e deixan un regueiro de incidencias en baixos e garaxes
Por Redacción |
-
Unha inundación obriga a pechar o ximnasio de Campolongo e indigna os usuarios por falta de información
Por Redacción & Diego Torrado | Creada e actualizada