Moraña inaugura o sábado o seu edificio multiusos no antigo mercado
Por Redacción
O Concello de Moraña vai inaugurar este sábado, 21 de decembro, o seu novo edificio multiusos, xurdido da rehabilitación do vello mercado, cun amplo programa de actividades que arrancarán ás 19.30 horas e que está aberto a toda a cidadanía.
Estes actos contarán coa presenza da alcaldesa de Moraña, Luisa Piñeiro, e dos membros da corporación e estarán respaldados polo vicepresidente da Xunta, Alfonso Rueda.
A inauguración, inmersa na programación municipal do Nadal 2019-2020, comezará coa visita á exposición do cincuenta aniversario do Moraña Clube de Fútbol, que está instalada no multiusos para dar remate a este ano, e coa apertura do belén xigante elaborado, por segundo ano consecutivo, pola Asociación de Mulleres Rurais O Menhir e que levantou unha gran expectación na súa estrea o pasado Nadal na Casa da Cultura.
Posteriormente, haberá a proxección dun documental sobre a historia do edificio do antigo mercado dende a súa construción na década dos cincuenta que foi coordinado pola concelleira Norma Caldas.
Finalmente, chegará a quenda das intervencións institucionais, as actuacións musicais da man da Banda de Música Nova Lira e da Asociación Cultural Seixebra e un chocolate con rosca para compartir entre todos os asistentes.
Así mesmo, os veciños que queiran poderán chegar ata o multiusos nuns pequenos traxectos nun autobús clásico restaurado da empresa Garrido cos que se pretenden evocar os típicos desprazamentos cara as potentes feiras de Moraña do pasado século.
As viaxes comezarán ás 19.00 horas e partirán da Casa do Concello.