O Porto aproba a concesión para a cafetería no paseo Alcalde Blanco
Por Redacción
O consello de administración da Autoridade Portuaria aprobou este xoves na súa última sesión do ano o outorgamento dunha concesión con destino á construción e explotación dun local para cafetería-restaurante no paseo Alcalde Blanco, solicitada polo Concello de Marín.
Trátase dunha superficie duns 150 metros cadrados onde está previsto un local de restauración no proxecto de urbanización do paseo marítimo, previsto dentro do marco da Estratexia de Desenvolvemento Urbano Integrado e Sustentable (EDUSI) de Marín, cofinanciado polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER) da UE, dentro do Programa Operativo de Crecemento Sustentable 2014-2020.
O consello tamén aprobou unha instrución complementaria aos procedementos de tráfico marítimo relativos ao fondeo aprobados en decembro de 2017. O Porto de Marín conta con tres zonas de fondeo interiores e unha exterior, nas inmediacións da Illa de Ons.
A proximidade deste fondeo ao Parque Natural Illas Atlánticas conleva unha especial atención ás operacións de buques, sobre todo en caso de temporal que é cando existe unha maior demanda de abrigo por parte de mercantes en tránsito.
Deste xeito, establécense que condicións concretas de tempo adverso poden xustificar a petición de fondeo así como as obrigacións do buque de nomear axente, contar con coberturas de responsabilidade civil, medios dos que debe dispoñer segundo o seu porte ou tipoloxía da carga, entre outros requirimentos.