Cerdedo-Cotobade aproba un orzamento de 4,5 millóns para o 2020
Por Redacción
A corporación de Cerdedo Cotobade aprobou este xoves, nunha sesión plenaria extraordinaria, os orzamentos municipais para o 2020, que ascenden a 4.5 millóns de euros, cos votos favorables do PP, a abstención do BNG e o rexeitamento dos socialistas.
O alcalde, Jorge Cubela, agradeceu a postura dos nacionalistas que decidiron absterse ao ver que cinco das súas sete propostas xa están incluídas nas contas, mentres que o rexedor comprométese a estudar as outras dúas referidas ás taxas municipais.
"Son unhas contas que reforzarán os servizos públicos, con máis de dous millóns de euros; fortes partidas para infraestruturas, que se duplican ata os 1,1 millóns; e un crecemento do 30 % en servizos sociais", declarou Cubela tras a sesión.
Os orzamentos inclúen partidas para o proxecto de residencia e casa de cultura de Carballedo, os petróglifos do Lérez, a rehabilitación da Casa do Pobo de Corredoira, a humanización da travesía de Tenorio ou o inicio do plan especial para a creación dunha gran área fluvial e de lecer en Cerdedo con espazos para o deporte, a natureza e a hostalería.
Tamén destacou o rexedor o aumento das partidas para educación, cultura, deporte, comercio, turismo e medio ambiente.
A portavoz do PSOE, Lina Garrido, xustificou o seu rexeitamento aos orzamentos por diversos motivos. Un deles foi, segundo a líder da oposición, "non contar coa oposición para presentar propostas e entregar o documento a só dous días da comisión de Facenda". Critica ademais que o orzamento está inflado polo fondo de fusións "que permite facer grandes investimentos e pedimos prudencia á hora de executalo".
O despoboamento, coa perda de 500 habitantes; e a falta de fondos para combater o desemprego e a desigualdade, así como a falta de bolsas para aprender idiomas ou un banco de vivendas para aluguer son outras das razóns polas que os socialistas rexeitaron o documento.
Con todo, tenden a man ao goberno local para colaborar en proxectos como o PXOM, o centro de día, o balneario de San Xusto, o cámping de Cerdedo ou outras iniciativas que fomenten o desenvolvemento do municipio.
Relacionadas:
-
O Concello aproba o Plan Especial da Residencia de Carballedo
Por Redacción |
-
O BNG logra introducir cambios nos orzamentos de Cerdedo-Cotobade
Por Oskar Viéitez |
-
Cerdedo-Cotobade aumenta un 30% a partida de Servizos Sociais
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade presenta un orzamento de 4,5 millón entre críticas á falta de apoio do Goberno central
Por Redacción |