Suspendidas as actividades deportivas ao aire libre este sábado 21 pola alerta meteorolóxica
Por Diego Espiño
O paso dunha nova borrasca previsto para este sábado nas Rías Baixas terá incidencia na xornada deportiva da fin de semana.
O Servizo Municipal de Deportes comunicou o peche por precaución das instalacións deportivas municipais ao aire libre (campos de fútbol e rugby) debido á alerta laranxa decretada por AEMET para a xornada do 21 de decembro.
En concreto o servizo estatal de meteoroloxía prevé que se poidan chegar a rexistrar refachos de vento de ata 100 quilómetros/hora, o que aconsella extremar as precaucións.
Ante esta previsión a medida de peche das instalacións prolongarase desde as 6:00 horas da mañá do sábado ata as 23:59 horas da noite, o que afectará ás competición previstas especialmente de base e de veteranos nos diferentes campos da rede municipal.
Preocupa especialmente a situación do Estadio Municipal de Pasarón, cuxa cuberta da bancada de Preferencia aínda non está asegurada tras desprenderse unha parte na última borrasca provocando o peche da instalación e das rúas Luís Otero e Leonardo Enríquez.
Paralelamente a Policía Local de Pontevedra solicitoulle ao Servizo Municipal de Deportes que ordenase a todos os clubs de piragüismo e de remo dos ríos Lérez e Verdugo que se absteñan de realizar actividades ao esperarse unha importante avenida de auga coincidindo coas horas de pleamar. Ademais de informar directamente os clubs implicados a concellería de Deportes trasladou tamén a situación ao director do Centro Galego de Tecnificación deportiva e á Federación Galega de Piragüismo.