A Deputación pon en valor os produtos das "nosas rías" e o traballo das mulleres do sector da pesca
Por Oskar Viéitez
A presidenta da Deputación Carmela Silva presentou este venres a nova campaña de igualdade da Asociación Nacional de Mulleres da Pesca (ANMUPESCA) xunto a Rita Míguez de la Iglesia, presidenta deste colectivo.
Anmupesca é unha entidade sen ánimo de lucro constituída en 2016 que ten entre os seus principais obxectivos o visibilizar ás mulleres profesionais do mar, reforzando o seu empoderamento, contribuíndo ao aumento do recoñecemento e conciencia social, sobre o papel que elas desempeñan e a súa achega ao sector.
Con apenas dous anos de traxectoria, esta entidade leva desenvolto un importante traballo no ámbito do asociacionismo a nivel estatal, logrando neste momento a incorporación de 21 asociacións que aglutinan máis de 10.000 mulleres vencelladas ao mundo do mar de todo o territorio nacional na asociación.
A campaña presentada este venres leva o lema: "Elas son a forza do Nadal" e ten como protagonistas a Magdalena, Mariña, Marta, Pilar e a Soledad que poñen os seus rostros para reflectir a necesidade de consumir produtos das "nosas rías" e o traballo de todas as mulleres do sector.
Ademais de chegar aos medios de comunicación da provincia a campaña "Elas son a forza do Nadal" difundirase nos centros educativos e nas prazas de abastos e mercados.
A presidenta da Deputación de Pontevedra, Carmela Silva expresou o seu agradecemento a todas estas profesionais do mar porque "son unhas heroínas que me fan sentir moi pequena. Meréceno todo".
Para Carmela Silva "elas son as artífices da engranaxe que comeza na ribeira e remata nunha boa cea de Nadal" por iso entende que "é necesario concienciar de que as nosas materias primas son froito dun traballo esixente, moi físico e no que moitas mulleres poñen a súa saúde en perigo".
A presidenta provincial considera que "é a nosa campaña principal e máis xusta" porque "elas son fundamentais, achegan moito ao mar e son quen defenden a súa sustentabilidade" e engadiu que na Deputación "estamos coas mulleres que traballan neste sector, gústelle a quen lle guste, porque é unha obriga".