O temporal amarra a frota e pon o prezo do marisco polas nubes
Por Manu Otero
O Nadal é época de marisco pero os temporais que están a azoutar as Rías Baixas durante este mes de decembro están a deixar o mercado de abastos de Pontevedra coas existencias baixo mínimos. A frota leva máis tempo amarrada que faenando, as capturas escasean, a demanda aumenta e o prezo sobe. "Hai moi pouco marisco e o que hai está carísimo", afirma unha das vendedoras do mercado.
A pesar do prohibitivo dos prezos, o consumo non se resente. "O que llo pode permitir compra igual", aseguran noutro posto, aínda que manteñen a esperanza de que o mal tempo remita nos últimos días para dar un empuxón final á tempada. "Seguro que cando pasen as festas, baixa moitísimo o prezo", sostén resignada outra das vendedoras.
A subida de prezos é xeral e afecta a todas as especies. "O máis económico é o boi da ría, que está a 23 euros o quilo cando normalmente por estas datas adoitaba estar sobre 13", detalla un vendedor. O camarón sitúase entre os máis caros con prezos que alcanzan os 120 euros o quilo. "Ata a ameixa babosa está carísima, subiu moitísimo o prezo esta semana", apunta outra das vendedoras.
O marisco galego é o máis caro e escasea. Por iso é necesario acudir a outros caladoiros para atender a demanda. "O lagostino é toda fóra", puntualiza otro vendedor, que sitúa ao boi e as nécoras como as favoritas dos consumidores.
"Moita xente compra antes destas datas e conxélao para aforrar, pero a nós gústanos fresco e todos os anos vimos comprar, aínda que este ano si que está caro", recoñece un matrimonio pontevedrés mentres paseaba entre os postos para facer a compra de Nadal.