Barro e Príncipe Felipe, primeiras paradas do Apalpador e a Apalpadora en Pontevedra
Por Redacción
O Apalpador e a Apalpadora xa están de visita aos nenos e nenas da provincia. A escola infantil de Príncipe Felipe e o colexio Amor Ruibal de Barro foron as primeiras paradas dunha xira por Pontevedra que os levará ata 36 concellos.
Ao berro de "Apalpa a barriga!", esta figura mítica do Nodal galego quixo fomentar a dinamización da lingua galega, o respecto ao medio ambiente, os hábitos de alimentación saudable e a igualdade. Fixérono con música, baile e unha chea de anécdotas divertidas.
"Eu son o Apalpador e traio castañas asadas ás nenas e nenos que comen san", explicaba ás crianzas en Príncipe Felipe e no CEIP Amor Ruibal, ao tempo que poñía en valor o comer verduras, beber leite ecolóxico e manifestaba o seu descontento pola comida 'lixo' e polas bebidas edulcoradas.
Tamén tivo tempo o Apalpador de facer ver aos escolares que todas as figuras tradicionais do Nadal son homes (Papá Noel, os Reis Magos, o Lentxero…) cando as mulleres son igualmente importantes, dando paso á súa compañeira Apalpadora.
As actuacións do Apalpador e a Apalpadora repartiranse entre o día 20 e o 31 de decembro -a excepción do día de Nadal- en diferentes horarios e localizacións, preferentemente en lugares ao aire libre se o tempo acompaña.
Na comarca de Pontevedra serán cinco as visitas (Pontevedra, Barro, Ponte Caldelas, Campo Lameiro e Poio), na comarca do Salnés serán seis (Illa de Arousa, Cambados, Vilagarcía, O Grove, Sanxenxo e Ribadumia) e tamén pasarán por Cuntis, Bueu, Caldas e Vilaboa, entre outras localidades.
O programa Nadal en Galego está tamén deseñado para fomentar o coñecemento da tradición de nadal propia de Galicia e para que os máis novos poidan familiarizarse coa mítica figura galega e coñecer a súa historia.
Na orixe, o Apalpador representábase como un carboeiro de barba vermella que baixaba das montañas ás vilas a noite do 24 ou o 31 de decembro para tocar o ventre das crianzas e comprobar se comeran suficiente durante o ano, deixando ao seu carón agasallos e castañas e desexos de felicidade e comida.