Está a Igrexa disposta a ceder aos veciños de Salcedo a propiedade do templo parroquial?
Por Oskar Viéitez
A igrexa de San Martiño Salcedo permanece pechada desde que en outubro de 2018 se desprendesen algúns anacos da bóveda. Os técnicos detectaron grandes gretas no coro, importantes filtracións de auga e problemas estruturais na cuberta.
O primeiro proxecto de restauración, elaborado pola propia arquidiocese, valoraba os traballos en 125.000 euros pero foi rexeitado por Patrimonio. Redactouse entón outro máis completo que obtivo o visto e prace do departamento de Cultura da Xunta, pero duplicaba o orzamento inicial.
O Arcebispado desenténdese agora do financiamento da reforma do templo e deriva a responsabilidade nos fregueses para que asuman estes 300.000 euros de gastos. Propón que os veciños subscriban un préstamo bancario no que a Igrexa sería avalista.
O consello parroquial, integrado polo párroco, Jesús Niño, e representantes de seis comisións veciñais rexeitou esta proposta de financiar en exclusiva o custo da restauración, pero estaría a Igrexa disposta a ceder a propiedade do templo aos veciños?.