Abre a mostra interactiva 'O segredo da Ponte do Burgo'
Por Oskar Viéitez & Cristina Saiz
O Pazo da Cultura acolle a exposición "O segredo da Ponte do Burgo", promovida pola Concellería de Patrimonio Histórico e na que a información recollida nos diferentes paneis acompáñase da posibilidade de interactuar cos contidos a través da aplicación desenvolvida polo grupo de innovación docente da Universidade de Vigo ComTecArt.
Inserida nas actividades impulsadas polo Concello para celebrar os 850 anos do Foro de Pontevedra, a exposición inclúe, xunto con outros contidos, unha recreación con realidade aumentada da ponte no século XVII. A iniciativa complétase cunha Unidade Didáctica sobre a Pontevedra medieval e un videoxogo.
A aplicación de realidade aumentada permite ás persoas visitantes interactuar cos contidos dos paneis da exposición da Ponte do Burgo, respondendo preguntas e mesmo realizando un xogo de construción.
A mostra pódese visitar na Sala de Exposicións do Pazo da Cultura de Pontevedra con horario de apertura de martes a venres de 18 a 21 horas. Sábados de 12 a 14 e de 18 a 21 horas. Domingos e festivos de 12 a 14 horas. O luns a Sala estará pechada.