O Concello licitou neste ano uns 30 investimentos e servizos públicos por máis de 2,2 millóns de euros
Por Redacción
O Concello de Cerdedo-Cotobade licitou ao longo do presente exercicio a través dos correspondentes concursos públicos de procedemento aberto un total de 30 investimentos e servizos públicos por un importe global de 2.237.064 euros, segundo revelou o alcalde, Jorge Cubela, que explicou que o goberno local optou maioritariamente por este formato de contratación en aras da transparencia e da igualdade de oportunidades.
"Agás nos contratos menores e urxentes, nos que acometer toda a tramitación administrativa non é nin operativo nin obrigatorio e nos que se optou basicamente por empresas locais do noso municipio, vimos de desenvolver unha política de contratación completamente cristalina a través de procedementos públicos e abertos que son os máis xustos para as empresas e que ademais son os máis beneficiosos para o diñeiro público xa que hai moita competitividade entre as firmas interesadas e permite axustar e rebaixar moito os custos ", detallou o rexedor.
As actuacións licitadas polo Concello de Cerdedo-Cotobade ao longo do presente ano 2019 centráronse na mellora da rede viaria municipal, con ata 15 concursos, pero chegaron practicamente a todas as áreas, xa que tamén se convocaron estes procesos para infraestruturas deportivas e culturais, servizos públicos, programas sociais, atención xuvenil, parques infantís, Casas do Pobo, saneamentos, adquisición de vehículos e materiais, accións de aforro enerxético e dotación de novas tecnoloxías.
Entre todas as obras e servizos inmersos nos concursos públicos do Concello destacan especialmente pola súa contía, ao rebasar o medio millón de euros, a rehabilitación dos Baños de San Xusto con 566.000 euros, e a construción do novo Centro Sociocultural de Tenorio, con 511.000. Ambas foron licitadas na recta final do ano e xa están adxudicadas, polo que o seu inicio é inminente e agárdase para o comezo do novo ano.
Finalmente, Cubela valorou este "elevado ritmo inversor" da administración local, que se complementa con outras grandes obras impulsadas pola Xunta, "xa que permite mellorar a calidade de vida dos veciños con novas infraestruturas e servizos, pero tamén favorecer o dinamismo, a economía e o emprego, xa que son cartos que repercuten nas empresas e na sociedade".
Neste senso, indicou que a folla de ruta do goberno local para 2020 vai ir pola mesma liña e agarda mobilizar máis de 5 millóns de euros, entre investimentos propios e os procedentes da Xunta, ao tempo que reiterou a "decidida aposta" polos concursos públicos e a "absoluta transparencia" nas contratacións.
Relacionadas:
-
O Plan de Eficiencia Enerxética de Cerdedo-Cotobade chega á cuarta fase con actuacións en 20 aldeas de Cerdedo
Por Redacción |
-
Unificar as sedes permite a Cerdedo-Cotobade un aforro do 35% na factura telefónica
Por Redacción |
-
Cerdedo-Cotobade constrúe un novo parque infantil en Valongo
Por Redacción |