Centos de persoas asisten á inauguración do Edificio Multiusos de Moraña
Por Redacción
Centos de persoas asistiron este sábado, malia os fortes efectos do temporal, á inauguración do novo Edificio Multiusos de Moraña, xurdido da rehabilitación do vello mercado, nun acto que estivo encabezado polo presidente da Xunta, Alberto Núñez Feijóo, e a alcaldesa, Luisa Piñeiro, e que tamén contou coa presenza do vicepresidente autonómico, Alfonso Rueda; dos deputados provinciais Santos Héctor e Roberto Agís, e da maioría dos membros da corporación municipal.
A xornada comezou coa evocación das viaxes de antano ás potentes feiras de Moraña cun pequeno traxecto realizado, dende o consistorio, cun autobús clásico restaurado pola empresa Garrido. Posteriormente, e xa no abarrotado inmoble realizouse unha visita á exposición do cincuenta aniversario do Moraña Clube de Fútbol, que está instalada no multiusos para dar remate a este ano histórico, e inaugurouse o Belén Xigante elaborado, por segundo ano consecutivo, pola Asociación de Mulleres Rurais O Menhir e que levantou unha gran expectación na súa estrea o pasado Nadal na Casa da Cultura.
Finalmente, houbo a proxección dun documental audiovisual, coordinado pola concelleira Norma Caldas, sobre a historia do edificio do antigo mercado dende a súa construción na década dos cincuenta, chegou a quenda das intervencións institucionais e pechouse coas actuacións musicais da man da Banda de Música Nova Lira e da Asociación Cultural Seixebra e cun chocolate con rosca para todos os asistentes.
A alcaldesa Luisa Piñeiro amosou a súa satisfacción por ver culminados "moitos anos de traballo para recuperar un edificio histórico do noso concello" e destacou a importancia de que o inmoble, no que se investiron case 1,3 millóns de euros, "teña unha segunda vida útil e se lle outorgue unha nova funcionalidade que vai favorecer aínda máis da gran dinámica sociocultural das nosas asociacións e da nosa veciñanza".