Pontevedra salpicada por un quinto premio, un décimo do 66212 vendido en Loureiro Crespo
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado
A sorte foi algo esquiva con Pontevedra neste sorteo de nadal da Lotería Nacional. Un único décimo dun quinto premio, o 66212, caeu na cidade.
Este premio, un dos máis madrugadores, foi vendido na administración de lotería "Dorita", situada en Loureiro Crespo. A súa responsable, Ana Muíños, explicou que o décimo foi vendido a través de máquina polo que descoñece quen pode ser o agraciado.
"Non sabemos nin se levaba fracción", sinalou a PontevedraViva. O seu posuidor, en todo caso, recibirá 6.000 euros.
Non é a primeira vez que esta administración de lotería, a única de Pontevedra que repartiu premios neste sorteo, vende números premiados no sorteo do Nadal. En 2016, lembra a loteira, entregaron outro quinto premio e dous anos antes, en 2014, foi un cuarto.
Ademais, "temos unha chea de pedreas do primeiro e do segundo premio", engade a responsable da administración. Décimos acabados en 90, como o Gordo, "temos máis de cen" e coa terminación 89, que coincide co segundo premio, "máis de 200 billetes".
Por agora, non fixeron o cálculo do diñeiro que repartiron este sorteo.
O 66212, ademais de Pontevedra, vendeuse en Santiago de Compostela, Muxía, Monforte de Lemos e as localidades pontevedreses de Porriño e Salceda de Caselas.
Relacionadas:
-
Cinco millóns de euros do cuarto premio, o número 49797, repártense en Cuntis e Moraña
Por Alejandro Espiño & Diego Torrado |
-
Cae un quinto premio, o 81610, no mesmo bar de Sanxenxo que vendeu un décimo do Gordo en 2018
Por Alejandro Espiño |
-
Dez décimos do terceiro premio, o 00750, deixan no Grove medio millón de euros
Por Alejandro Espiño |
-
O 74470, un quinto premio repartido en Moraña, Vilagarcía e Cerdedo
Por Redacción |