Cinco millóns de euros do cuarto premio, o número 49797, repártense en Cuntis e Moraña
Cuntis converteuse nunha das localidades galegas máis agraciadas no sorteo do Nadal da Lotería Nacional. Máis de cinco millóns de euros repartíronse na vila grazas a un cuarto premio, o número 49797, vendido nunha administración do municipio.
Tardou en saír, foi o último en ser cantado, pero non por iso foi menos celebrado, especialmente entre os que, antes da celebración do sortero, adquiriran un dos décimos premiados.
A administración situada na Praza de Ferrol, segundo confirma Loterías e Apostas do Estado, despachou 25 series, uns 253 décimos.
"É unha alegría enorme", explicou José Mouriño, responsable deste despacho, que celebra que "o mellor" é que o diñeiro "repartiuse entre os veciños" que, segundo engadiu, "é xente que o necesita".
Parte da lotería comprouna o Café Bar Quico -no que está esta administración- que, na súa maior parte, vendeuna entre os seus clientes habituais.
Pero a sorte que tivo Cuntis compartiuna cos seus veciños de Moraña. E é que gran parte dos décimos do número premiado foron comprados polos propietarios do Bar Alborada, situado no núcleo urbano de Santa Lucía.
"Agora mesmo non sei cantos foron pero vendemos case todo o que tiñamos", explica o seu dono.
Asegura estar "moi contento" porque entende que os 20.000 euros por boleto "axudan moito". Ademais, ao compralo el e vendelos no bar, está seguro de que todos os premiados son veciños de Moraña. "Iso é o mellor", recoñece.
A festa, tanto en Cuntis como en Moraña, será soada este domingo.
Relacionadas:
-
Cae un quinto premio, o 81610, no mesmo bar de Sanxenxo que vendeu un décimo do Gordo en 2018
Por Alejandro Espiño |
-
Dez décimos do terceiro premio, o 00750, deixan no Grove medio millón de euros
Por Alejandro Espiño |
-
O 74470, un quinto premio repartido en Moraña, Vilagarcía e Cerdedo
Por Redacción |
-
Pontevedra salpicada por un quinto premio, un décimo do 66212 vendido en Loureiro Crespo
Por Oskar Viéitez & Diego Torrado |