Por un instituto que deixa a un lado a violencia e resolve os conflitos con diálogo
Por Redacción
O IES de Cotobade aposta por promover o diálogo e a resolución pacífica de conflitos, deixando a un lado a violencia e impulsando a cultura de paz. Para logralo, acaba de impulsar a creación dun grupo de mediación integrado por alumnado e profesorado do centro.
Este novo equipo vai realizar diversas actividades para promover o diálogo e o uso da palabra para a resolución pacífica de conflitos usando técnicas de mediación para chegar a unha solución pola vía amistosa para estes casos.
As persoas interesadas en recorrer a este grupo poden dirixirse á dirección ou o claustro do centro educativo ou ben remitir un correo electrónico ao enderezo mediacion@iescotobade.org.
O obxectivo do grupo pasa por axudar na resolución de conflitos ofrecendo a súa experiencia, xa que colaborarán mediadores. Garántese un absoluto compromiso de confidencialidade.
A iniciativa púxose en marcha co apoio do Concello de Cerdedo-Cotobade e presentouse nos últimos días no salón de actos do instituto coa presenza do alcalde, Jorge Cubela. Impulsouno, en concreto, o Servizo Municipal de Educación Social.
Cubela destacou a importancia de crear e consolidar unha nova prestación nos eidos social e educativo, que ademais conta co valor engadido da implicación da comunidade educativa.